PUBLICIDADE

A Xunta mellora tramos en tres estradas autonómicas en Ares

PorBisbarra

Martes, 20 Maio 2025 , ,
Martina Aneiros e Begoña Freire visitaron as obras en execución na estrada AC-123 en Ares.Martina Aneiros e Begoña Freire visitaron as obras en execución na estrada AC-123 en Ares.

A Xunta de Galicia está a acometer obras de mellora en tres tramos de estradas autonómicas ao seu paso polo Concello de Ares. A actuación supón o investimento de 240.000 euros e afecta á AC-123, AC-124 e AC-130. As obras supoñen o paso previo á tramitación da transferencia da titularidade dos mesmos a prol do Concello de Ares.

Concretamente os traballos desenvólvense na actualidade na estrada AC-123, entre os puntos quilométricos 1+190 e 2+210. Alí desprazouse a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire. A intervención contempla a reposición da sección completa entre beirarrúas e a execución dunha glorieta no punto quilométrico 2+080.

Xunto a esta vía, tamén se están a executar melloras na AC-130, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+400 e 4+240. Neste caso, adecuarase a capa de rodaxe entre beirarrúas.

PUBLICIDADE

Proximamente iniciaranse os traballos na AC-124, no tramo urbano de Redes, entre os puntos quilométricos 1+770 e 1+170. Neste último caso procederase á reposición dos carrís. Os traballos nas tres vías contemplan ademais a renovación da sinalización horizontal e o recrecido dos rexistros existentes.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.