O presidente provincial, Luís Menor, participou na entrega de premios da I Mostra de Gando Vacún Equino de Xunqueira de Espadanedo. O evento, organizada pola asociación agrogandeira A Espadana, contou coa cooperación do Concello, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. “Todos podedes estar orgullosos desta primeira edición porque estamos no bo camiño, coa xente que lle quere a Ourense, a Galicia e aos nosos produtos”, proclamou Luís Menor.
Menor puxo en valor o sector primario na provincia de Ourense e, en particular, aos gandeiros que seguen apostando por esta actividade crucial para a economía ourensá e galega. Ademais, fíxolle entrega dun dos premios ao gandeiro Argimiro Gil, en recoñecemento á súa traxectoria de traballo no sector e de axuda aos demais.
O campo de fútbol de Xunqueira de Espadanedo acolleu as actividades, que incluíron sorteos, música, exposición de maquinaria e apeiros e un concurso de levantamento de pacas.
Os organizadores amosaron o seu desexo de continuidade en próximas edicións, co obxectivo de recuperar o espírito das feiras de gando que se facían hai 60 anos na comarca.