O Concello de Ribadavia será a experiencia piloto do proxecto Vilas vivas da Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa de comercio de atracción orientada a revitalizar contornos comerciais urbanos de vilas senlleiras e estimular a afluencia de visitantes. Vilas vivas enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
O programa comezará cunha experiencia piloto no Concello de Ribadavia, que solicitou a súa adhesión no marco da aposta do municipio pola reactivación do comercio local. Así pois, funcionará como modelo inicial para a súa posterior continuidade noutras localidades galegas con potencial turístico e cunha produción local enraizada no territorio como motor económico.
Con este fin, o Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio bianual dotado con preto de 590.000 euros con Ribadavia. O acordo permitirá testar o impacto do proxecto, cuxas actividades arrincarán no último trimestre do ano. Ao tempo, contribuirá á dinamización do tecido comercial ribadaviense e a incentivar o fluxo de persoas, favorecendo sinerxías con outros sectores como o turismo e a gastronomía.
PLAN ESTRATÉXICO DO COMERCIO DE GALICIA
Vilas vivas é unha das máis de 70 actuacións recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Ademais salientan outras medidas de comercio de atracción, como a potenciación das prazas de abastos.
O proxecto está pensado para impulsar aquelas vilas e cabeceiras de comarca singulares que dispoñen de gran valor patrimonial e dunha alta concentración de locais comerciais pechados. O obxectivo é poñer en marcha un proxecto integral de impulso comercial mediante a recuperación de baixos sen actividade, alugándoos, acondicionándoos e promovendo o seu uso por parte de comerciantes e artesáns en formatos rotativos.
Así, a adhesión de Ribadavia a Vilas vivas permitirá impulsar o seu núcleo urbano medieval, declarado Conxunto Histórico-Artístico e Ben de Interese Cultural. Asemade, potenciará as visitas a través de experiencias efémeras, afondando nos vencellos entre comercio, artesanía e restauración. Todo isto sumarase ao resto da oferta da vila e contribuirán ao fomento do emprendemento local ligado ao territorio.
FASES DE EXECUCIÓN DO CONVENIO
O convenio conta cun orzamento de 589.050 euros, distribuído en dúas anualidades. Estenderase ata decembro de 2026, baixo a coordinación da Xunta a través da Oficina Técnica de Vilas vivas.
Durante a primeira fase de execución, que comeza agora, o Concello de Ribadavia encargarase da selección e posta á disposición dos locais en desuso en que se desenvolverá a proposta. Estes serán alugados ás persoas propietarias por un mínimo de dous anos prorrogables e sumaranse a outros de titularidade municipal que tamén formarán parte do proxecto, como a igrexa da Madalena.
O seguinte paso consistirá na licitación e execución dos contratos para o acondicionamento destes baixos para o seu uso comercial. Tamén se avanzará noutras actuacións complementarias dirixidas á dixitalización ou á integración do resto de comercios xa en funcionamento. Así favorecerase unha imaxe unificada e homoxénea.
Completadas estas actuacións, terá lugar a selección de participantes mediante concorrencia pública e criterios obxectivos. Así garantirase a rotación, diversidade e participación aberta dos comerciantes e obradoiros interesados. Tamén se executarán actuacións encamiñadas á decoración e sinalización das rúas.
En paralelo, a Oficina Técnica do proxecto, en coordinación do Concello de Ribadavia, artellará unha programación e un calendario de apertura e de dinamización comercial, co obxectivo de que se dea inicio no último trimestre deste ano. A maiores, no marco do convenio, a Xunta apoiará accións formativas para o tecido comercia e os custos de persoal de apoio vencellado ás actividades de dinamización.
ARTESANÍA, SABER E SABOR
O pasado decembro celebrouse en Ribadavia o mercado Artesanía, saber e sabor, promovido pola Xunta. Durante este fíxose patente o potencial do comercio como motor dinamizador da vila. Este mercado transformou durante tres días o núcleo histórico nun espazo comercial de produtos artesáns e agroalimentarios, combinando vendas con actividades culturais e obradoiros.
A acollida foi un éxito e xerou un importante impacto na vila. Asemade, serviu de antesala para o enfoque de revitalización que agora persegue Vilas vivas, co obxectivo de estendelo posteriormente a outros enclaves de Galicia de similares características.