PUBLICIDADE

Barbadás avanza cara a creación dun polígono industrial

PorBisbarra

Martes, 20 Maio 2025 , ,
O Concello de Barbadás reuniuse con SEA para analizar os informes favorables do polígono industrial.Barbadás reuniuse con SEA para analizar os informes favorables do polígono industrial.

O Concello de Barbadás avanza un paso máis para facer realidade a construción dun polígono industrial no municipio. O alcalde barbadés, Xosé Carlos Valcárcel, e o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade, reuníronse con Beatriz Sestayo, xerente de Solo Empresarial Atlántico (SEA). O obxectivo era valorar os dous informes realizados sobre a viabilidade do polígono. “Ambos informes arroxan resultados esperanzadores, sobre todo porque permitirían dotar de chan industrial a unha zona moi próspera que o precisa”, recalcou Sestayo.

Os dous estudos analizan polo miúdo a viabilidade urbanística, técnica e económica do proxecto. Ambos son favorables, o que supón un importante paso na consecución deste obxectivo estratéxico do Goberno local. Cabe destacar a excelente localización de Barbadás, preto da cidade e con boas conexións coas vías de alta capacidade.

O xestor de Barbadás destaca a relevancia do favorable resultado de ambos informes. “Seguimos traballando para implantar no noso territorio unha área industrial que dinamice aínda máis o cuarto concello da provincia”. Nesa liña, recorda os obxectivos do futuro polígono: crear emprego, aínda que é un dos municipios ourensáns con menos desemprego, e diversificar as actividades industriais e empresariais de Barbadás.

PUBLICIDADE

O próximo paso é a elaboración dun proxecto estruturante e outro de urbanización. Destes encargarase o Concello, para analizar custes e fixar o prezo do investimento. Pola súa banda, SEA sería o investidor maioritario. Na reunión tamén se valorou a importancia de achegarse ao empresariado do municipio para coñecer as súas necesidades e inquedanzas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.