O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que o Consello da Xunta de Galicia acordou hoxe recuperar a concesión de catro autoestradas de gran relevancia: a do Salnés, a da Barbanza, a Ourense-Celanova e a Santiago-Brión, eliminando así as peaxes en sombra que se viñan pagando anualmente. Unha importante medida en materia de infraestruturas que, tal e como explicou, “permitirá un aforro de máis de 30 millóns de euros ao ano para as arcas públicas galegas, que poderán destinarse a outras cuestión como a vivenda”.
O titular do Goberno galego manifestou que esta decisión enmárcase dentro dunha estratexia “coherente” coas políticas de infraestruturas desenvolvidas pola Xunta nos últimos anos, que inclúe a construción de máis de 220 quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe, garantindo que oito de cada dez galegos teñan acceso a unha destas vías a menos de 15 minutos dos seus fogares, así como a conxelación das peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo e do Val Miñor.
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, indicou que coa medida aprobada hoxe dase un paso máis cara a unha rede de infraestruturas cada vez máis extensa e económica para os cidadáns. “Galicia conta hoxe con máis de 1.400 quilómetros de vías de altas prestacións, dez veces máis que hai 30 anos”, afirmou, destacando que en 2025 seguirán avanzando en eixes como o de Tui-A Guarda, Nadela-Sarria e Santiago-A Estrada.
As catro autoestradas que pasarán a ser xestionadas pola Xunta suman un custo total de 297 millóns de euros, e con esta operación prevese un aforro de máis de 330 millóns de euros en peaxes en sombra e mantemento ata o final das concesións. Isto, polo tanto, permitirá dispor de 30 millóns de euros adicionais para as finanzas públicas galegas.
Con este acordo, a conselleira salientou que “Galicia dá un novo paso cara a unha rede viaria máis accesible, eficiente e sostible, consolidando así un modelo de infraestruturas que beneficia a todos os galegos”. Así, o Goberno galego reitera a súa aposta por un modelo que achegue as áreas rurais ás urbanas e contribúa á vertebración de todo o territorio.