O Concello de Cedeira financia con 17.847,50 euros unha nova campaña de escavación no castro Sarridal. Así pois, o equipo Axa Arqueoloxía, dirixido por Emilio Ramil, pretende seguir avanzando pola zona situada entre a sauna castrexa e o cantil.
Durante a anterior escavación, nesta área apareceron estruturas da primeira etapa de ocupación da zona que datan do século III a.C. O arqueólogo destacou a importancia do xacemento polos moitos elementos singulares que se atoparon nunha área tan pequena: a sauna castrexa, a pedra formosa, a estrutura dunha forxa, un sistema defensivo reforzado con torres interiores e exteriores. Trátase de “elementos que é difícil atopar e que ofrecen unha secuencia completa da historia dos castros en Galicia”, explicou.
Grazas ao descubrimento da sauna castrexa de Sarridal, xunto cos cos traballos do investigador Ángel Villa, do Museo Arqueolóxico de Oviedo, demostrouse que este tipo de estruturas existiron xa na Idade do Ferro. Na nova campaña que acaba de comezar, o equipo Axa Arqueoloxía centrarase na época máis antiga do asentamento, onde se descubriron uns valados e muros correspondentes a estruturas domésticas que estaban por debaixo do nivel de construción da sauna castrexa. Son elementos que datan do século III a.C., nunha zona que estivo poboada, segundo os estudos, polo menos ata finais do IV ou o V d.C.

Así, esta nova campaña prolongarase ata a primeira semana de novembro. Nela traballan tres arqueólogos, Vanesa Trevín, Xaquín Ferrer e Emilio Ramil; un técnico de dron e tres auxiliares de escavación. Xunto co levantamento de máis superficie pola zona posterior á sauna, farase a consolidación dos últimos restos descubertos.
O financiamento destes traballos corren a cargo do Concello de Cedeira, xa que os anteriores foron custeados pola Dirección Xeral de Patrimonio. Dende o 2015, ambas administracións manteñen unha alternancia no financiamento das campañas de escavación.