O Concello de Cedeira sacou a licitación o proxecto de mellora e acondicionamento de 15 camiños de titularidade municipal. Esta actuación está financiada ao abeiro do POS+2024, cun orzamento de 285.679,49 euros. Así pois, as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 4 de novembro.
Os 15 camiños municipais suman unha lonxitude de 6,7 quilómetros. O treito máis curto de actuación abrangue 45 metros de percorrido e o máis longo, case 1,7 quilómetros. Así mesmo, presentan anchos variables entre 3 e 4,5 metros.
Todas estas vías da zona rural presentan un importante deterioro, en moitos casos agravado polo tráfico de vehículos forestais pesados. Así pois, as obras abranguerán a limpeza, retirada de vexetación, recheo de fochancas, adecuación do sistema de drenaxe e posta dunha nova capa de rodaxe.
Os camiños obxecto da actuación son o de Calvario-Ribeira, Arrasa, Condomiñas, Bereixo-Piñeiro, Guilliade-Casaldegonce, Sisalde Maior, San Miguez de Sisalde, lugar Campo Cruz, As Bieiteiras, As Filgueiras-O Rego, Lugar Torno, Purrey-Sedeás e Liñares-Portovello.
As obras terán un prazo de execución de 6 meses.