A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cerdido, Alberto Rey, reuníronse para abordar asuntos relacionados coa xestión de residuos e a protección da paisaxe.
O rexedor explicou que o concello precisaría mellorar o servizo de recollida de residuos voluminosos cun novo vehículo. Nesta liña, Ángeles Vázquez reiterou o compromiso do Goberno galego de apoio continuo aos municipios para facilitar o cumprimento das súas obrigas en relación á xestión dos residuos urbanos.
Así, avanzou que a Xunta está a traballar na convocatoria de novas liñas de axudas para seguir cooperando nos concellos de cara a acadar unha xestión dos refugallos máis eficiente e sostible. Así pois, o Concello de Cerdido poderase acoller a estas achegas.
A maiores, durante o encontro tamén abordaron a corrección de impactos paisaxísticos. Neste senso, o alcalde mencionou a posible rehabilitación de fontes e lavadoiros. Pola súa banda, a titular de Medio Ambiente confirmou que o Goberno local poderá optar ás axudas que anualmente convoca o Instituto de Estudos do Territorio con ese obxectivo.