PUBLICIDADE

Novas prazas públicas para maiores nos concellos de Toques, Boimorto e Sobrado

PorBisbarra

Luns, 14 Outubro 2024 , , ,
Os alcaldes de Sobrado e Toques xunto coa alcaldesa de Boimorto acudiron á xuntanza e asinaron cadanseu convenio

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou o Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de centros de maiores de titularidade municipal na provincia da Coruña, que suporá un investimento de máis de 1 millón de euros en equipamentos sociais e a creación de 65 novas prazas públicas.

Fabiola García, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, e do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, explicou que este plan permitirá a colaboración entre o Goberno galego e os concellos de Toques, Boimorto e Sobrado na construción, reforma e ampliación de centros de atención a maiores nestes municipios.

Concretamente, acometerase a reforma e ampliación da residencia municipal de Boimorto, que grazas a un investimento de 500.000 euros contará con 14 novas prazas.  Ademais, construiranse dous novos centros de día: un en Sobrado, ao que se destinarán 348.000 euros, e outro en Toques, que recibirán 283.000 euros. Cada un destes centros contará con 25 prazas de atención diúrna. A conselleira asinou os convenios coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo; co alcalde de Toques, José Ángel Penas, e co rexedor de Sobrado, Luís Lisardo Santos.

PUBLICIDADE

Estas actuacións enmárcanse dentro do Plan de investimentos para equipamentos sociais de titularidade municipal dirixidos a persoas maiores, que permitirá crear 650 prazas públicas en toda Galicia.

Tras a sinatura dos convenios, Fabiola García agradeceu aos rexedores o seu compromiso para dotar aos seus concellos con servizos sociais útiles, eficaces e de proximidade e felicitounos por ter unha especial sensibilidade de cara as políticas sociais. Garantiu, ademais, que “sempre tedes a man tendida da Xunta para seguir, como ata agora, coordinados e traballando coa mirada posta na mellora dos vosos veciños e veciñas”.

INCREMENTO DE PRAZAS PÚBLICAS

A conselleira fixo fincapé en que grazas a medidas como este plan de investimentos, a Xunta continúa reforzando a rede pública de coidados. Neste sentido, lembrou que desde o ano 2009, o Goberno galego triplicou a oferta de prazas públicas para maiores, pasando de 5.500 a máis de 15.000 dispoñibles.

Por último, destacou que este plan de investimentos enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego de crear 1.000 novas prazas públicas de residencia e de atención diúrna para maiores e persoas con discapacidade nos primeiros 100 días de mandato.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.