A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá un encontro de traballo coa oficina da Rede Galega de Promoción da Saúde en Ferrol. Máis en concreto, coas responsables Cruz Fernández e Sofía Puente. O obxectivo da reunión era coñecer o traballo que desenvolven na área territorial desde a posta en marcha deste novo servizo o ano pasado.
Durante a reunión, informaron á delegada territorial dalgúns dos proxectos que están a levar a cabo. Neste sentido, están orientados a desenvolver de liñas estratéxicas e promover estilos de vida saudables entre a poboación das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Como explicaron, o seu traballo céntrase sobre todo en establecer nexos de unión entre os actores implicados na promoción da saúde no ámbito local por medio dun traballo multidisciplinar e en lograr o maior número de adhesións á rede. Ata o momento, a metade dos concellos da Área Sanitaria de Ferrol están adheridos.
A Rede Galega de Promoción da Saúde é unha organización dependente da Subdirección Xeral de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade. Nceu a raíz do Plan Obesidade Zero en Galicia 2022-2030, coa fin de potenciar as estratexias locais que melloren a saúde da poboación. Entre os seus obxectivos inclúese a promoción de estilos de vida saudable, a análise da situación en cada territorio para optimizar os recursos existentes, a elaboración dun mapa de recursos e actividades comunitarias a través da plataforma Atopa Saúde e o desenvolvemento de liñas estratéxicas do Plan de Obesidade Zero en Galicia.