O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, salientou que a Xunta construirá un novo hospital materno infantil no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Fíxoo no marco da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos. Esta nova infraestrutura permitirá dotar dunhas instalacións modernas, funcionais e unificar todos os seus servizos.
Durante a súa intervención no Parlamento galego, Parada detallou a previsión inicial era realizar un reforma integral do actual inmoble. Non obstante, o Executivo galego acordou reconfigurar esta planificación co obxectivo de poder contar cunha infraestrutura “con maior proxección de futuro”. Así mesmo, posibilitará “mellorar os espazos e simplificar as conexións” entre os diferentes edificios que conforman o Complexo.
“O novo edificio permitirá unificar todos os servizos do materno-infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”, puxo en valor o xerente.
O responsable sanitario puntualizou que a finais do ano 2026 comezará o traslado dos servizos do materno infantil cara ao novo edificio de hospitalización. A continuación, procederase á demolición do inmoble actual.
“Trátase dunha actuación complexa” incidiu Parada, ao executarse nunha contorna na que se desenvolverá a actividade hospitalaria.
COMPROMISO DA XUNTA CO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO
O xerente do Servizo Galego Saúde subliñou que a construción do hospital materno infantil, o novo edificio de hospitalización e as melloras nos accesos previstas no Plan director do recinto hospitalario Ourensá posibilitará prestar unha atención “mellor e máis cómoda” aos pacientes e acompañantes deste recinto hospitalario.
Nesta liña, Parada pechou a súa intervención lembrando que a Xunta segue á avanzar na mellora das infraestruturas sanitarias de toda a comunidade galega. O obxectivo é optimizar a calidade asistencial do seu sistema sanitario público.



