A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor o compromiso do Concello de Vilamarín co fermosismo e a protección da paisaxe. Fíxoo durante unha visita ao lavadoiro de Cristoble, que foi rehabilitado ao abeiro da orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos. A conselleira estivo acompañada polo alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez.
Xa no lavadoiro, a representante autonómica salientou que este municipio recibiu preto de 40.000 euros para tres actuacións de fermosismo na convocatoria de 2023. Deste xeito, recuperáronse dous lavadoiros, o de Cristoble e o de Barrio; e arranxouse o exterior dun inmoble municipal destinado a velorio.
Durante a súa visita, Ángeles Vázquez fixo fincapé no grande interese que xeran estas axudas entre as entidades locais e a veciñanza. Na convocatoria de 2024 aprobáronse apoios a un total de 346 particulares e 50 concellos, dos que 20 corresponden á provincia de Ourense.
A maiores, a conselleira lembrou que desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2021, o Goberno galego apoiou con 9,5 millóns de euros a máis de 110 entidades locais e a 2.100 familias na execución de obras e actuacións para mellorar a imaxe exterior dos seus inmobles. Nesa liña, engadiu que “o vindeiro ano 2025 achegaremos dous millóns de euros para continuar a apoiar o desenvolvemento de actuacións de fomento do fermosismo e de protección da paisaxe na comunidade autónoma”.