O Concello de Ribadavia acometerá en breve e de forma case simultánea a reforma e adecuación de cinco vías, no marco do Plan de Renovación e Mellora de Infraestruturas Municipais. Trátase de actuacións comprometidas polo Goberno local para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria na zona urbana e rural
No tocante ás intervencións urbanas, executaranse na rúa Ribeiro, o principal acceso a Ribadavia, que dá continuidade á rúa Carballiño e remata na rúa Progreso. Neste caso, procederase á substitución do firme nos treitos deteriorados, o pintado da vía e a mellora da sinalización. Así mesmo, reformarase a rúa Baixada ao Consello, que transcorre a carón do río, pola súa marxe esquerda, e tamén dá acceso ao núcleo de Ribadavia e ao pavillón de deportes. A terceira vía obxecto da actuación trátase da rúa Ramal, en Francelos.
O financiamento destas obras é froito da colaboración entre o Concello e a Deputación de Ourense.
INTERVENCIÓNS EN VÍAS RURAIS
A estas tres obras urbanas, sumaranse dúas máis en San Cristovo, no Camiño Sarmenta, e na Quinza, no Camiño da Quinza. Neste caso, trátase de camiños que dan acceso a máis dunha ducia de fincas acollidas á Política Agraria Común (PAC).
Este proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), enmárcase no Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais 2024-2025. O obxectivo é optimizar a infraestrutura viaria rural e asegurar mellores condicións de circulación e seguridade para a veciñanza e traballadores do agro.
As principais accións contempladas inclúen a ampliación do ancho dos camiños, a renovación do pavimento con materiais máis resistentes e a mellora da drenaxe, permitindo unha maior durabilidade das vías e unha circulación máis segura. A intervención inclúe tamén o mantemento das marxes mediante a limpeza e perfilado de noiros e cunetas.
“Con estas actuacións estamos a mellorar importantes infraestruturas do noso concello, como é caso da rúa Ribeiro ou a Bixada ao Consello, que son vías de acceso ao núcleo de Ribadavia”, explicou o alcalde, César Fernández. Ademais, o rexedor matiza que se arranxarán rúas que levaban moito tempo en moi mal estado, como é o caso da rúa Ramal, en Francelos, ou a rúa Sarmenta, en San Cristovo.
Así mesmo, Fernández destacou “a cooperación institucional coa Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense”, que permite a execución destas obras e que se enmarca “dentro do plan do goberno municipal de mellorar e renovar unha parte importante das infraestruturas viarias do Concello de Ribadavia no mandato 2023-2027”.