O Partido Popular do Irixo vén de iniciar unha nova etapa aprobando a constitución dunha xestora local e propoñendo a Álvaro Penedo para a presidencia. Os militantes populares adoptaron esta decisión no transcurso dunha reunión á que tamén asistiu o presidente provincial, Luís Menor, e a secretaria xeral, Sandra Quintas.
Agora a xestora deberá ser ratificada pola Xunta Directiva provincial. O seu principal obxectivo é impulsar o traballo político e de organización da agrupación local, de cara ás eleccións municipais de 2027.
Luís Menor puxo en valor a decisión da militancia. Segundo afirmou, supón “que os populares do Irixo queren recuperar a actividade e a presenza do partido na vida local”. Un paso esencial “para ter de novo a histórica maioría que sempre tivo o PP neste concello”, abundou.
O presidente provincial tamén valorou a proximidade á política local do candidato á presidencia da xestora. Neste sentido, é familiar do que fora alcalde durante tres décadas, Manuel Penedo. Nomeado Fillo Predilecto do Irixo a título póstumo en 2021, faleceu en agosto de 2019.
Pola súa banda e tras aceptar a súa proposta para a presidencia da xestora, Álvaro Penedo afirmou que asumía esta responsabilidade con “ilusión e forza”. Asemade, declarou que espera preparar o partido nas mellores condicións para afrontar próximas citas electorais.
Na reunión, os militantes e a dirección provincial lembraron e agradeceron o traballo realizado polos antecesores nas responsabilidades orgánicas da agrupación local do Irixo.



