PUBLICIDADE

Ángeles Vázquez: “Traballamos día a día para contribuír a que Galicia afronte mellor o reto do cambio climático”

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no seu despacho en San LázaroÁngeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no seu despacho en San Lázaro, falou con Bisbarra sobre actualidade e dos proxectos e iniciativas do seu departamento

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta, falou con Bisbarra sobre o traspaso “histórico” das competencias do litoral, da situación do lobo e da peste porcina ou do apoio do Goberno galego ás entidades locais como na xestión dos residuos, entre outros temas

– Hai uns días solicitou por carta ao secretario de Estado de Medio Ambiente, retomar a celebración da Conferencia Sectorial, que temas se tratarían na mesma?

    – A finais do pasado mes de novembro envieille unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, solicitando a anulación da convocatoria da Conferencia sectorial de Medio Ambiente, que o Ministerio desconvocara o pasado xullo de xeito unilateral, porque o procedemento escollido, o escrito, non é legal. Ese procedemento só está previsto para a aprobación dunha norma.

    Resulta tan evidente como censurable que o Goberno central non quere reunirse coas comunidades autónomas e elude o debate en temas tan relevantes como, por exemplo, os informes sexenais sobre a situación do lobo ao norte do Douro. De feito, na última convocatoria que recibimos esa cuestión non estaba incluída na orde do día, a pesar de que foi un dos asuntos que quedaron pendentes ao desconvocarse no último minuto a conferencia prevista en xullo.

    PUBLICIDADE

    Nós queremos sentarnos a falar co Ministerio, pero de todas as cuestións pendentes de debate e de xeito presencial: desde o lobo ao Plan PIMA, con fondos pendentes de reparto para proxectos cos que afrontar episodios de inundacións. O Ministerio, lamentablemente, non quere.

    – Nos últimos anos o cambio climático deixou de ser unha preocupación aillada, que políticas se implementan dende o seu departamento para mellorar a situación?

    Neste momento está ultimando a súa tramitación parlamentaria a que será a primeira Lei do clima de Galicia, unha norma ambiciosa que ofrece unha oportunidade única para que a Comunidade consolide a súa posición pioneira e á vangarda no eido da acción climática.

    Esta lei introduce con carácter xeral a obriga da Xunta e do sector público autonómico de integrar a perspectiva climática desde o punto de vista da redución de emisións e da adaptación aos seus efectos na elaboración dos plans e programas sectoriais, na preparación de contratos públicos cando corresponda e nas convocatorias de subvencións cun posible impacto nos obxectivos de neutralidade climática de Galicia. De feito, Galicia será a primeira comunidade en establecer por lei o obxectivo de neutralidade climática, que queremos acadar no horizonte do ano 2040, unha década antes do prazo fixado pola UE.

    En paralelo, xa se licitou a plataforma tecnolóxica SICLE C02, que permitirá desenvolver o primeiro mercado voluntario de créditos de carbono de todo o país para impulsar proxectos de absorción e compensar emisións. Trátase doutra iniciativa pioneira e ambiciosa que consideramos que posúe un enorme potencial. E volvemos lanzar en 2026 unha liña de axudas para impulsar a nivel local infraestruturas verdes e outras solucións fronte ao cambio climático, despois da boa acollida da primeira edición.

    – Levades a cabo algún tipo de formación dende a súa Consellería para o alumnado de Galicia?

    Por suposto. Todos os departamentos da Consellería colaboran con diferentes asociacións de cara a promover a educación e concienciación ambiental con diversas actividades como visitas a centros educativos ou organizacións de concursos, como Pilabot, que promove a reciclaxe de pilas. Ademais, regularmente se organizan visitas de escolares tanto aos distintos parques naturais da Comunidade, para coñecer a nosa inmensa riqueza natural, como a outros organismos como Sogama ou MeteoGalicia. 

    De xeito máis transversal, puxemos en marcha a iniciativa Mocidade polo clima, que inclúe accións formativas a través dos programas do Plan Proxecta da Xunta -Meteoescolas e Escolas verdes polo clima-, así como os obradoiros Inspiradores polo clima, dirixidos a alumnado de Secundaria. Ou Van polo clima, unha iniciativa itinerante, cunha furgoneta que percorreu o pasado verán os principais eventos musicais de Galicia e campamentos de ocio.

    É fundamental comezar a concienciación xa desde os primeiros cursos. Os cativos son os mellores embaixadores: absorben todo e o comparten nas súas casas, coas súas familias.

    Logo da boa acollida desa iniciativa, o vindeiro curso 2026-2027 está previsto desenvolver o Programa de Educación Ambiental sobre Economía Circular dirixido ao alumnado de 2º e 3º ciclo da educación primaria en Galicia. O obxectivo é fomentar hábitos responsables, pensamento crítico e valores de sostibilidade, cooperación e inclusión na mocidade.

    – No tocante ao tema dos eólicos, existen proxectos paralizados que segundo últimas sentenzas falan de que se anulan por parte da xustiza, que quere dicir isto?

    O Tribunal de Xustiza da Unión Europea, como tamén fixo o Tribunal Supremo en catro sentenzas, deu a razón á Xunta o pasado mes de agosto e avalou a tramitación ambiental dos proxectos eólicos realizada en Galicia. Ese fallo debía aportar a seguridade xurídica que demandaban Xunta e sector para desbloquear a parálise eólica e avanzar no impulso das enerxías renovables.

    Non obstante, ese desbloqueo non se produciu e vimos nos últimos meses como a sección 3ª do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dixo unha cousa e a contraria con relación á tramitación eólica. Algo absolutamente inexplicable e que non está a ocorrer nin no resto de España nin en Europa. Nin ten precedentes nin ten lóxica.

    Ante isto, o que vimos reclamando con insistencia e que é fundamental desbloquear xa a parálise eólica que sofre Galicia, con 92 parques eólicos afectados por algún recurso xudicial en curso -dos que 86 teñen a autorización suspendida cautelarmente-. Porque necesitamos as enerxías limpas para avanzar cara á descarbonización, tal e como establece, ademais, a Unión Europea; e porque hai moitas inversións e postos de traballo en xogo.

    – Ante as últimas informacións sobre a gripe porcina, que medidas vai a poñer en marcha a Xunta de Galicia para evitar que chegue a Galicia?

    A peste porcina africana é un problema de índole nacional, polo que a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente vimos reclamando con insistencia a celebración dunha Conferencia Sectorial específica, na que participen os Ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. E na que se coordinen as actuacións a levar a cabo, para que sexan homoxéneas naquelas cuestións que afectan a todas as comunidades autónomas.

    Mentres tanto, en Galicia estamos traballando en dous ámbitos. Por unha banda, reunimos de xeito extraordinario ao grupo de traballo para a xestión do xabaril e analizamos medidas adicionais sobre o control desta especie en Galicia, como, por exemplo, bonificar as taxas aos Tecores que cumpran o cupo fixado para cada tempada anual; explorar a incorporación de novas modalidades de caza, como o uso de arqueiros; e instar aos concellos a manter limpas as áreas periurbanas para afastalos das zonas poboadas.

    E, por outra banda, seguimos en permanente contacto co sector porcino galego para escoitar as súas demandas e afondar na colaboración para afrontar esta situación.

    – En que consiste o Plan reitor das Fragas do Eume?

    O Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Fragas do Eume é o documento de planificación e ordenación deseñado para garantir a conservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio. Tamén busca o equilibrio entre a preservación dos recursos naturais e as actividades socioeconómicas que pode acoller este espazo.

    O plan divide esta superficie en catro zonas en función do nivel de protección requirido e, a partir desa zonificación, establécense os usos e actividades que se poden desenvolver ou non en cada unha delas.

    Ademais, destinamos 1,4 M€ a un programa para incrementar a superficie pública do parque coa compra de terreos privados a propietarios interesados, un procedemento voluntario e que xa permitiu pechar este ano os primeiros acordos. Ata o de agora xa se adquiriron 96 parcelas cunha superficie de máis de 109 hectáreas.

    – Que presuposto destina Augas de Galicia ás obras hidraúlicas que se levarán a cabo no 2026 e que actuacións se van realizar?

    Augas de Galicia dedicará 7 de cada 10 euros do seu orzamento para 2026 a abastecemento e saneamento —108,7 M€—, e case a metade —73,6 M€—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

    Esta estratexia de impulso ao tratamento das augas vai prestar unha atención especial á situación particular dos núcleos rurais, con investimentos que en 2026 suman 17,8 M€ —case un 40% máis que este ano— en áreas das catro provincias, para dotalas dos mellores servizos hidráulicos.

    – Vimos fai pouco que Vigo e a súa contorna tiñan risco de quedarse sen auga por unhas válvulas, que lle podemos dicir os veciños da comarca?

    O que lle podemos dicir aos veciños da comarca resúmese nunha mensaxe de tranquilidade. Desde hai varias semanas xa está en marcha unha actuación de emerxencia que vai permitir solucionar os problemas detectados en dúas das catro válvulas da presa de Eiras, preservando en todo momento o abastecemento. É unha operación complexa, polo que serán necesarios varios meses de traballo.

    Aquí debo incidir en que a Xunta de Galicia é a única Administración que está implicada, e desde o primeiro minuto, en resolver este problema. Non podíamos permitir que a neglixencia e a irresponsabilidade do Concello de Vigo puxesen en risco o subministro de auga a máis de 400.000 persoas. A pesar de que o Concello de Vigo é o responsable exclusivo de accionar as válvulas, porque se reservou esta competencia, nunca notificou ningunha incidencia a Augas de Galicia. É dicir: esta situación podía terse evitado perfectamente.

    En todo caso, o Concello non pode eludir as súas responsabilidades e, por iso, a Xunta resérvase o dereito a reclamarlle ao Goberno local que asuma o custo das obras en execución, que se estima nuns 2,3 M€.

    Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
    Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

    – Os ríos galegos están en bo estado?

    Si, así o demostran os datos. O 80% das masas de auga de Galicia está en bo estado, moi por enriba da media de España, que é do 60%. Esta situación é froito do intenso labor de Augas de Galicia a través do Programa de Control de Vertidos, que realiza unha vixilancia constante da situación nas augas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, e actúa inmediatamente en caso de recibir algunha notificación ou denuncia de irregularidades. Ademais, os puntos de vertido contaminantes inventariados reducíronse á metade desde o ano 2009 e representan menos do 10% do total.

    – Como está a ser o proceso de xestión do litoral, agora que se acaban de cumprir seis meses de xestión propia?

      O 1 de xullo foi unha data histórica para Galicia, para todas as galegas e os galegos. Ese día fíxose efectivo o traspaso dos medios, funcións e servizos sobre a xestión do litoral á Comunidade. Desde entón -e a pesar de que o Goberno central non nolo puxo precisamente fácil-, xa resolvemos máis de 600 expedientes tanto en zona de servidume de protección como en dominio público marítimo-terrestre. De feito, puxemos en marcha unha solicitude única electrónica para os trámites sobre ocupacións ou usos no litoral, que simplifica e axiliza o procedemento, xa que o Goberno central requiría cinco formularios de solicitude en papel.

      Ademais, temos despregadas múltiples liñas para poñer en valor a nosa costa desde a tripla perspectiva que establece a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, a Loxilga: a ambiental, a social e a económica. Por citar algúns exemplos. Xa se someteu a exposición pública o Catálogo de bens patrimoniais no litoral de Galicia, que busca recuperar edificacións xa existentes de especial valor arquitectónico, cultural e histórico; dúas de cada tres alegacións recibidas propoñen incluír novos elementos, o que é boa proba do interese por preservar o patrimonio da nosa costa. Traballamos no deseño do Camiño do litoral, que permitirá ir desde Ribadeo ata A Guarda a pé e en bicicleta ata Tui, con toda a información unificada nunha aplicación informática. E tamén fomentamos o deseño dun prototipo de chiringuito biosostible que sirva de modelo para unificar a estética deste tipo de establecementos na nosa costa.

      O obxectivo destas e outras iniciativas é que 2026 sexa o gran ano do litoral en Galicia.

      – Está apoiando a Xunta os concellos coa suba das taxas de basuras?

        Estamos ao carón dos concellos. A Xunta mobilizou nos últimos anos máis de 100 M€ en distintas medidas para paliar o impacto nas contas dos concellos do taxazo do lixo e das medidas adoptadas polo Goberno central. Fixémolo para aliviar a súa situación ante unha serie de decisións arbitrarias e lesivas que, como recoñece a propia Comisión Europea, non veñen impostas por Bruxelas, senón que son decisión exclusiva do Executivo central.

        En concreto, nos últimos anos realizamos distintas actuacións, proxectos e transferencias directas aos concellos como, por exemplo, a creación dunha rede pública de infraestruturas para a xestión dos biorresiduos ou o inicio da construción da primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de Galicia.

        Tamén teño que destacar o apoio prestado desde esta Consellería ás entidades locais a través de axudas específicas para a xestión de residuos. Grazas a este respaldo económico, os municipios puideron mellorar e modernizar os seus sistemas de recollida selectiva, facilitando unha maior separación dos refugallos na orixe e contribuíndo a incrementar a porcentaxe de residuos que se reciclan. Este esforzo conxunto tradúcese nunha xestión máis eficiente que permite reducir os custos do servizo e avanzar cara a unha diminución da taxa de lixo. Ademais, asumimos o 60% da suba do canon que percibe Sogama e concedemos 11,5 M€ en axudas aos concellos para mellorar a recollida dos distintos residuos.

        – Ao fío deste tema, precisamente, acabamos de coñecer a adhesión a Sogama da Mancomunidade Serra do Barbanza. Que suporá esta decisión desde o punto de vista da xestión dos residuos municipais en Galicia?

        A incorporación da Mancomunidade Serra do Barbanza ao modelo da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) desde o pasado 1 de xaneiro é, sen dúbida, unha boa noticia xa que permitirá garantir a xestión sostible dos seus residuos conforme á lexislación vixente. De feito, o propio presidente da entidade cualificou o acordo de adhesión como “histórico”.

        Neste sentido, cómpre recordar que Serra do Barbanza se encarga actualmente do lixo doméstico de nove concellos (Ames, Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois) nos que viven 87.097 persoas. Isto supón unha media anual de arredor de 32.000 toneladas que, por suposto, Sogama ten plena capacidade para recoller e tratar.

        De feito, as instalacións de Cerceda poderían dar servizo nestes momentos a toda Galicia, ademais de ser unha das plantas máis sostibles e eficientes de toda España e das que menos lixo envían a vertedoiro, en liña coas directivas europeas. Todos estes logros son o resultado de anos de esforzo, investimentos e modernización polo que non debería sorprender en absoluto a decisión da Mancomunidade Serra do Barbanza de cambiar de modelo e optar durante como mínimo os próximos cinco anos polo sistema de xestión de residuos urbanos de referencia en Galicia.

        – Como está a situación do lobo agora?

          Lamentablemente, seguimos á espera de que o Goberno central nos informe sobre o punto no que se encontra o informe sexenal sobre o estado de conservación do lobo, que debería ter remitido á Comisión Europea xa o pasado mes de xullo. Remata o ano e non temos ningunha comunicación. A falta de transparencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica é absoluta. As comunidades autónomas nunca tivemos ocasión de debater este asunto. Privounos o ministerio ao anular a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente.

          Ademais, cómpre lembrar que o Goberno central aínda lle debe a Galicia os fondos para previr e paliar os danos causados polo lobo ao sector gandeiro. En concreto, aínda non abonou 12 millóns de euros correspondentes ás anualidades de 2022, 2023 e 2025. Con todo, en Galicia mantemos o noso compromiso co sector gandeiro, e desde 2016 repartimos preto de 13,8 millóns de euros en axudas.

          Por outra banda, logo da retirada do lobo do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe), a Xunta recuperou o Plan de xestión do lobo de 2009, que inclúe medidas de control por danos recorrentes ás explotacións gandeiras, pero esta cuestión está pendente de resolución xudicial. O censo elaborado polo Goberno galego estima que na Comunidade hai 93 mandas de lobos -fronte ás 90 de 2015-, o que reflicte que o seu estado de conservación é favorable.

          – De que está máis orgullosa da súa xestión na Consellería?

            Para min é unha honra contribuír como conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático a mellorar a calidade de vida das galegas e dos galegos, e facelo cun equipo dunha gran valía profesional que traballa con rigor e respectando a lei.

            Desde esta Consellería traballamos día a día para contribuír a que Galicia poida afrontar mellor un dos grandes retos que ten ante así todo o planeta: o cambio climático. Estamos en boa posición, pero non podemos baixar a garda. Por iso preservamos os nosos espazos naturais, colaboramos cos concellos para optimizar a xestión dos residuos, promovemos as enerxías renovables e garantimos un uso eficiente dos nosos recursos hídricos.

            Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

            PUBLICIDADE
            PUBLICIDADE
            PUBLICIDADE
            PUBLICIDADE
            PUBLICIDADE
            PUBLICIDADE
            PUBLICIDADE
            PUBLICIDADE
            PUBLICIDADE

            PorBisbarra

            Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.