PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

“Artesanía, saber e sabor”, un mercado para dinamizar o rural e o comercio local de Ribadavia

O mercado de Artesanía Alimentaria no Nadal de Ribadavia é o segundo dos catro que promove a Xunta nestas datas.O mercado de Artesanía Alimentaria no Nadal de Ribadavia é o segundo dos catro que promove a Xunta nestas datas.

Esta fin de semana o Concello de Ribadavia converteuse nun gran escaparate da artesanía e produtos agroalimentarios locais grazas ao mercado “Artesanía, saber e sabor”. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería do Medio Rural que se desenvolveu entre o 6 e o 8 de decembro na vila. Trátase do punto de partida do proxecto Vilas Vivas, impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de reforzar a dinamización do tecido comercial das localidades.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; asistiron á inauguración do mercado de Artesanía Alimentaria no Nadal na Praza Maior de Ribadavia. Asemade, a igrexa de Santa María de Magdalena acolleu o mercado de Artesanía de Galicia, que contou con dez expositores artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, pertencentes aos sectores da olería, cerámica, bixutería, xoiaría, coiro, calceta, feltro e relacionados coa moda.

Na inauguración, a conselleira do Medio Rural puxo en valor esta iniciativa como elemento dinamizador do rural e do comercio local, a través do traballo que desenvolven os artesáns. No relativo a Artesanía Alimentaria, María José Gómez destacou os produtos agroalimentarios elaborados de xeito artesanal, así como aqueles amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, que tamén participaron no mercado. Nesta liña, en Ribadavia estiveron presentes preto dunha vintena de produtores amparados por selos de calidade diferenciada e máis dunha ducia de adegas da Denominación de Orixe Ribeiro.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Ademais da promoción dos produtos locais, o mercado ofreceu obradoiros dirixidos a familias e profesionais en diferentes localizacións do casco antigo de Ribadavia. Entre estes, atopamos obradoiros de elaboración de produtos de Nadal, arranxos florais, elaboración de sanandresiños ou estampaxe de postais. Esta oferta de actividades completouse con catas, degustacións, baile, música e sorteos.

CATRO MERCADOS DE ARTESANÍA ALIMENTARIA

O mercado de Artesanía Alimentaria no Nadal de Ribadavia é o segundo dos catro que promove a Consellería do Medio Rural nestas datas. A seguinte cita será en Lugo, entre o 13 e o 15 de decembro; e en Santiago de Compostela, do 20 ao 22 de decembro.

Estes mercados promovidos pola Consellería do Medio Rural teñen un custo conxunto de medio millón de euros e están enmarcados dentro do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do cal se promoverán os distintos indicativos dos que goza a comunidade autónoma.

O obxectivo de “Artesanía, saber e sabor” é contribuír a dinamizar o tecido comercial das vilas, ao tempo que pon en valor os oficios tradicionais.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.