PUBLICIDADE

Arzúa, Boimorto, Frades, Melide, Mesía, Santiso e Toques contarán co servizo de Hospitalización a Domicilio

Un total de 22.839 persoas poderán verse beneficiadas por este incremento grazas á incorporación de 1 médico 2 enfermeiras e á adquisición de 2 novos vehículos

A Unidade de Hospitalización a Domicilio da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza ven de incrementar o seu persoal e a súa dotación de vehículos para poder ampliar así a súa zona de influencia e a súa capacidade asistencial. Deste xeito, acada os recursos para estender a súa cobertura á poboación dos concellos Arzúa, Boimorto, Frades, Melide, Mesía, Santiso e Toques. Así, un total de 22.839 persoas poderán verse beneficiadas por este incremento grazas á incorporación de 1 médico 2 enfermeiras e á adquisición de 2 novos vehículos, acadando así que o 91,5% da poboación da área sanitaria poida ter atención hospitalaria nos seus domicilios.

Coordinada polo médico internista Ignacio Novo, e con Sandra Rodríguez como supervisora, a Unidade de Hospitalización a Domicilio ve incrementada tamén a súa capacidade de atención. Así, ata o de agora podía atender de forma constante a máis de 70 pacientes simultaneamente, contaba con 9 vehículos, 7 médicos e 13 enfermeiras, que realizaban en conxunto unha media de 45 visitas diarias, ao que se suman outras tantas consultas telefónicas. Estas cifras supuxeron uns 20.000 quilómetros anuais percorridos por cada vehículo, sumando 180.000 quilómetros anuais por todo o persoal da unidade (uns 100 quilómetros en desprazamentos totais por cada paciente atendido).

Ademais do incremento de recursos, para poder optimizar o ofrecemento dos servizos de HADO a todos os posibles beneficiarios, recentemente púxose en marcha un sistema de comunicación directa con todos os centros de Atención Primaria, así como con todos os servizos hospitalarios, tanto en hospitalización como atención ambulatoria.

PUBLICIDADE

A carteira de servizos prestados evolucionou tamén de forma progresiva co obxectivo de trasladar a maior parte de tratamentos, procedementos ou curas de rango hospitalario ao domicilio dos pacientes. Así acadouse que a día hoxe poida ofrecerse atención hospitalaria nos domicilios á maior parte de procesos infecciosos, descompensacións de patoloxías cardíacas ou respiratorias, curas complexas ou pacientes con necesidade de coidados paliativos, entre outros moitos.

A Unidade de Hospitalización a Domicilio demostrou ao longo destes anos o seu bo facer no coidado de pacientes e familiares, marcándose sempre como obxectivo a seguridade e calidade asistencial, ampliando de forma progresiva tanto a área de cobertura como a carteira de servizos prestados e sendo considerada hoxe en día como un servizo indispensable dentro da atención hospitalaria.

“Nada disto podería ser así se non fose porque ao esforzo e tesón dos profesionais sumouse sempre o apoio incondicional, a forza e a incrible colaboración das familias, ás que desde a unidade de Hospitalización a Domicilio gustaríanos transmitir o noso agradecemento, sen a súa axuda nunca chegariamos a conseguir os obxectivos desexados” subliña Ignacio Novo.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.