PUBLICIDADE

O Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo recae en Fernanda Tabarés e Alfonso Cid

O xurado do XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo reunido na Deputación de Ourense antes de anunciar o seu falloO xurado do XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo reunido na Deputación de Ourense antes de anunciar o seu fallo

O xurado do Premio de Xornalismo concedeu tamén un accésit ao equipo de Antena 3 Noticias Galicia, integrado pola xornalista Úrsula Lorenzo e o cámara Andrés Vilela, por unha reportaxe sobre o día a día das enfermeiras no rural galego

O xurado do XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, da Deputación Provincial de Ourense, anunciou o pasado día 3 de maio o seu fallo no que acordou conceder o galardón honorífico á traxectoria profesional da xornalista ourensá Fernanda Tabarés Domínguez.

O fallo do premio destaca á Tabarés “como figura indispensable do xornalismo galego contemporáneo”, e fai fincapé no seu traballo rigoroso, comprometido e sempre apegado aos principios deontolóxicos da profesión, “contribuíndo decisivamente á excelencia e á dignificación da comunicación en Galicia”. O fallo tamén reflicte que Fernanda Tabarés fixo visible “o papel fundamental das mulleres na comunicación, nun compromiso que transcende o profesional para converterse tamén en motor de cambio social”.

Mellor traballo xornalístico

O xurado do XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo tamén elixiu como mellor traballo xornalístico, un galardón dotado con 4.000 euros, ao programa realizado polo ourensán Alfonso Cid González, emitido en Radio Liberdade e no que narra a historia de Obdulia Díaz Picouto e a súa filla, Lola Nóvoa Díaz, que ao longo de 38 anos axudaron a través dunha rede de solidariedade a máis de 200 crianzas no casco vello de Ourense, a maioría fillos de prostitutas.

PUBLICIDADE

O fallo destaca tamén que o espazo radiofónico dirixido por Alfonso Cid, transmite con rigor e emoción a magnitude do labor destas figuras, que foron quen de ofrecer a oportunidade de recuperar a dignidade aos menores.

Ademais, o xurado do premio xornalístico tamén concedeu un accésit ao segundo mellor traballo valorado, dotado con 1.000 euros, para o equipo integrado pola reporteira Úrsula Lorenzo Rubial e o cámara Andrés Vilela Aneiros, autores dunha reportaxe emitida en Antena 3 Noticias sobre o día dunha enfermeira no rural galego.

Este accésit tamén recoñece a alta calidade de imaxe e correcto ton de voz na locución, dunha peza televisiva que “contén información actual que ofrece de forma precisa e concisa, que transmite veracidade e ofrece unha nova visión sobre os profesionais sanitarios da provincia de Ourense, que poñen en valor a calidade humana da sociedade”, destaca o fallo do xurado.

O xurado do XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo estivo presidido polo vicepresidente 2º da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, e como vogais Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago; Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; Abelardo Vázquez, en representación do Colexio de Xornalistas de Galicia; e Camila Riquelme-Brevis pola Asociación de Xornalistas de Santiago; e en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), actuando como secretario o asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, Alberto Carnero.

Os premios serán entregados no transcurso dun acto que organizará proximamente a Deputación Provincial de Ourense e que será oportunamente comunicado.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.