O ciclo de concertos e actividades, que se desenvolverá principalmente no mes de maio en oito centros socioculturais, comeza este sábado coa actuación de música antiga de Pres de Cambrai no CSC Maruxa e Coralia
No Campo de Fóra, ciclo de concertos e actividades vencelladas á música tradicional organizado polo Concello de Santiago, a Escola de Música, os centros socioculturais e a Escola aCentral Folque, bota a andar este sábado coa primeira das actuacións programadas que se desenvolverá no CSC Maruxa e Coralia (12:00 horas): unha proposta de música antiga de Pres de Cambrai, segundo explicaron durante a presentación do ciclo polos concelleiros de Capital Cultural e Centros Socioculturais, Míriam Louzao e Xan Duro, e Mauro Sanín, de aCentral Folque.
O ciclo de música e actividades, que se desenvolverá principalmente no mes de maio mais tamén en xuño, continuará o vindeiro luns 12 con María Faltri e Berto Rodríguez que ofrecerán un concerto participativo sobre as cancións tradicionais galegas baixo o título Coa pandeireta na man. Será no CSC do Romaño, a partir das sete da tarde.
No Campo de Fóra trasladarase ata o CSC de Nemenzo o venres 16 de maio, no que se desenvolverá un obradoiro de percusión galega para público familiar a cargo de Carlos Freire; mentres que o centro sociocultural das Fontiñas acollerá o 19 de maio un espectáculo de títeres, o clásico O galo Quirico baixo a dirección de Títeres Seisdedos.
A música volverá tomar o protagonismo do ciclo No Campo de Fóra, será o 21 de maio no CSC da Trisca, coa actuación de Xosé Luis Rivas Mini, e para o día 23 está previsto o concerto da mestra e investigadora Isabel Rei sobre a guitarra galega, no CSC de San Xulián de Caraballal.
Xa en xuño, o ciclo rematará con dúas propostas: o día 5 o local sociocultural do Eixo acollerá o espectáculo de narración oral Bailen as vellas. O conto das cereixas, con Atenea García e Vero Rilo; e o día 6, o músico portugués César Prata actuará no CSC de Santa Marta, cunha proposta co repertorio de José Afonso.
Os Paseos musicais do programa No campo de Fóra
O ciclo de música e actividades No Campo de Fóra inclúe tamén os Paseos musicais, roteiros especializados sobre o patrimonio musical da cidade para entender os contextos e lugares. O primeiro deles será o martes 27 de maio, guiado por Paulina María, especialista en músicas medievais. O segundo será o martes 10 de xuño, co músico e investigador especialista na música pop Alfonso Espiño. Os paseos están ideados como “conferencias en movemento para público reducido e curioso”.
O ciclo No campo de Fóra permite levar a cultura e a arte a novos espazos e a novos públicos, cunha proposta moi variada, accesible, e de enorme calidade, que ademais garante o contacto próximo co público” (Mauro Sanín, Escola de Música aCentral Folque)
Todas as actividades do programa No Campo de Fóra son de balde ata completar o aforo. Para participar nos paseos é preciso facer a preinscrición previa a través da páxina web www.folque.com



