O Concello do Pereiro de Aguiar comezará a contar con consultas pediátricas no centro de saúde a partir do mes de febreiro. Inicialmente, ofreceranse unha tarde á semana, pero irase aumentando a medida que o faga a demanda. Esta calcularase a través das altas de novas tarxetas adscritas ao centro.
A nova foi comunicada polo xerente do Sergas na provincia de Ourense, Santiago Camba Bouzas, durante unha visita ao centro de saúde, xunto ao director de Asistencia Primaria, Miguel Abad. O avance chega tras un longo traballo conxunto co Sergas e a pesar das dificultades derivadas da fata de profesionais no eido da pediatría.
O servizo será compatible coa asistencia que se seguirá prestando aos menores no centro de referencia do Valle-Inclán. Non obstante, trátase dun avance para dotar ao centro pereirao de máis especialidades e profesionais. Dende o Goberno local lembran que se cumpren así cunha reivindicación histórica para atender aos máis de 800 menores de 15 anos que habitan no municipio.
AUMENTO NOS SERVIZOS SANITARIOS NO PEREIRO DE AGUIAR
O Concello do Pereiro de Aguiar resalta os avances no eido sanitario nos últimos anos, supoñendo unha modernización e ampliación nos servizos. Neste sentido, o novo centro de saúde duplica a superficie do anterior, complementando cun amplo aparcadoiro para facilitar o acceso ao edificio. Así mesmo, ofrécese servizo de matrona e ampliouse o persoal cunha enfermeira máis.
Asemade, o centro de saúde acolle o servizo dunha traballadora social, así como dun profesional de servizos xerais. Agora, co comezo das consultas de pediatría, o Goberno local valora moi positivamente o servizo sanitario no municipio e agradece ao Sergas por atender as demandas do Concello.



