PUBLICIDADE

O BNG ferrolán reelixe a Montero como responsable local

PorBisbarra

Luns, 27 Xaneiro 2025 , ,
Coa elección do consello local complétase o proceso de renovación dos organismos tras a asemblea nacional do BNG.Coa elección do consello local complétase o proceso de renovación dos organismos tras a asemblea nacional do BNG.

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol renovou o seu consello local, reelixindo por unanimidade ao concelleiro Roberto Montero Castrillón como responsable local. Así, complétase o proceso de renovación dos organismos da fronte enmarcados nos traballos posteriores á asemblea nacional do BNG.

Roberto Montero encabezou a única candidatura presentada, coa profesora Andrea Martíns como vicerresponsable. Esta lista complétase con Iván Rivas como portavoz municipal, o deputado Mon Fernández, Pilar Lozano como responsable comarcal, a concelleira María do Mar López e outras persoas militantes.

Roberto Montero sinalou que afrontan este novo período con ilusión e “coa intención de agrandar o proxecto do BNG en Ferrol co fin de ser unha alternativa decisiva na cidade”.

PUBLICIDADE

A asemblea local do Bloque valorou de forma moi positiva o traballo realizado dende a última renovación dos organismos nacionalistas en 2021. Destacou o papel chave da militancia nun período marcado por sucesivas citas electorais nas que o BNG foi medrando en apoios na cidade.

Montero indicou que “o Bloque vai continuar traballando con forza e con e rigor, vai estar na rúa visitando todos os barrios e parroquias e pretende estabelecer un diálogo permanente co tecido asociativo para dar resposta as problemáticas da cidade”.

O consello local está formado por un total de 21 persoas, ás que se sumará a persoa escollida pola organización xuvenil do BNG, Galiza Nova. Ademais, Roberto Montero pasará a formar parte tamén do consello comarcal do BNG.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.