O alumnado de 3º da ESO do IES Punta Candieira está a avanzar na elaboración dos orzamentos participativos do Concello de Cedeira. Así pois, comezaron coa elaboración dun diagnóstico da vila, identificando problemas, debilidades, fortalezas e recursos. Esta será a base para propoñer investimentos de mellora verdadeiramente axeitados.
As primeiras sesións de traballo desta fase do proceso desenvolvéronse esta semana, os días 21 e 22, e continuarán o 11 e 12 de febreiro cun obradoiro formativo sobre a confección e estruturación de proxectos.
Trátanse dos quintos orzamentos participativos do Concello de Cedeira, unha iniciativa singular dentro de España. Neste sentido, céntrase nun curso escolar e conta cun orzamento de 20.000 euros. Xa que se leva executando desde o curso 2020/21, a experiencia xa está interiorizada polo alumnado. Así mesmo, implica a participación das familias e o profesorado e céntrase na impartición de contidos relativos á democracia local, a investigación participativa e a elaboración de proxectos.
Entre as primeiras propostas formuladas no traballo de diagnose están a mellora de iluminación en determinados espazos públicos, a ampliación da oferta de ocio para a mocidade e dos equipamentos deportivos, a dotación de máis espazos cubertos para o lecer ou un parque canino. Nas vindeiras sesións aprenderán a estruturar as súas propostas definindo obxectivos, actividades, impactos sociais e custes económicos.
O alumnado terá que elaborar proxectos para que sexan validados polo persoal técnico municipal, que considerará se entran nas competencias do Concello, se son factibles técnica e xuridicamente e se son abordables co custe máximo dos 20.000 euros reservados aos orzamentos participativos.
Os investimentos abordados en anos anteriores e o traballo desta quinta edición do programa confirma o interese da mocidade cedeiresa polo lecer saudable, a práctica deportiva, a promoción do patrimonio natural e as accións culturais.