Un grupo de pais e nais de Melide ten convocado para hoxe ás 19h da tarde unha concentración diante do centro de saúde da vila para esixir que se cubra a praza de pediatra coa que se conta na vila, despois de que a súa titular conseguise praza noutro lugar distinto.
Nestes momentos, Melide leva sen servizo de pediatría dende hai tres semanas. As crianzas que teñen menos de 24 meses, son atendidas noutros centros de saúde como en Arzúa ou no Pino, e os maiores desa idade, son atendidos polos médicos de familia da vila.
Esta situación afecta a preto de 800 nenos e nenas de ata 15 anos de Melide, Santiso e Toques. As familias reivindican a cobertura permanente desta praza, polos prexuízos que lles causa ter que desprazarse a outros concellos para recibir atención.
Pola súa parte, o Concello de Melide solicitoulle á Consellaría de Sanidade atención pediátrica no Centro de saúde nun escrito que se lle remitiu na xornada de onte. Explican dende o goberno municipal que “a sanidade pública é un servizo imprescindible, básico e necesario. Melide ten que ter atención pediátrica todo o ano, e incluso ten que ser reforzada nos meses de verán cando a poboación aumenta exponencialmente”.
OS POPULARES DE MELIDE REUNÍRONSE CO XERENTE DA ÁREA SANITARIA
Os populares melidenses mantiveron unha reunión con carácter de urxencia co Xerente da Área Sanitaria de Santiago, Ángel Facio Villanueva, tal e como informou a portavoz popular Dalia García.
Durante o encontro, os populares trasladáronlle ao Xerente “a profunda preocupación da veciñanza, así como a do grupo municipal que representan, pola falta dun servizo esencial como é a atención pediátrica, especialmente nun momento no que se fai máis necesaria ca nunca unha sanidade pública de calidade e accesible”.
Así mesmo, lamentaron “a absoluta falta de implicación e xestión por parte do actual goberno local, que en ningún momento se puxo en contacto cos responsables sanitarios nin adoptou medidas ou iniciativas encamiñadas a buscar unha solución a esta situación, deixando sen resposta unha demanda tan importante para as familias do noso municipio”.
Como resultado desta reunión, o Xerente da Área Sanitaria trasladoulles que está previsto que o servizo de pediatría se recupere durante o mes de xuño, “unha nova que consideramos positiva e necesaria, e que agardamos se faga efectiva sen máis demoras”, din os populares.



