O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Evaristo Ben, propón a elaboración dun Plan de sendas peonís e ciclistas coherente e funcional, é dicir. “unha rede de itinerarios que unan os principais centros de atracción do municipio, cunha atención especial á continuidade dos traxectos xa existentes e a tecer unha malla que articule os principais barrios e parroquias”. Para o popular, o primeiro e imprescindible “é ter claro cales son os itinerarios necesarios nas vías de diferente titularidade e, despois, o goberno debe priorizar as mesmas”.
“Eu -subliñou o popular- invitaría ao goberno local a facer partícipe á oposición municipal, co fin de que, independentemente, de quen goberne no 2027, o Plan de sendas sexa un compromiso da corporación e unha folla de ruta a seguir por todos os grupos”.
O edil popular lembrou que, “nos dous últimos mandatos, concretamente, en 2017 e 2022, o Partido Popular de Santiago presentou no Pleno dúas iniciativas moi similares a esta e foron aprobadas, a primeira por unanimidade e a segunda coa abstención do partido socialista”, pero, como noutros asuntos, nada se fixo, polo que -engadiu- “entendemos que, a día de hoxe, seguen sendo un obxectivo que Santiago debería de alcanzar”.
Para Ben Otero, “o Plan debe incluír as actuacións xa en execución ou previstas por outras administracións, así como aquelas que foron aprobadas en acordos plenarios municipais e que aínda non están executadas”.
Así mesmo, engadiu, para maior efectividade é imprescindible “programar a súa execución progresiva, con consignacións anuais nos orzamentos municipais e coas achegas que se obteñan, a través de axudas procedentes doutras administracións públicas”.
Evaristo Otero lembrou que, “na última década, as administracións públicas procuraron implementar tanto elementos como infraestruturas de comunicacións que non contaminen e, entre elas, están as vías para peóns e bicicletas que posibilitan o tránsito dentro da cidade ou entre diferentes núcleos de poboación”.
“Estas infraestruturas contan coa aprobación da cidadanía, -remarcou, porque son un novo medio de comunicación e desenvolven bos hábitos deportivos, xa sexa para unha práctica intensa ou para unha máis moderada, ben por iniciativa propia ou por cuestións médicas”.
Finalmente, insistiu que, o goberno local, o primeiro que ten que facer é “saber que sendas son necesarias na cidade, xa que o que goberna ten a obriga de priorizar o gasto público” e engadiu que deben “fixar o temón do que queren facer e, despois, coas posibilidades que teñan o vaian facendo”.