O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou o cemiterio de Catabois con motivo das obras de ampliación que se están a executar. Alí recoñeceu “o máximo coidado por parte do Concello” nas actuacións nun lugar “que garda os recordos e a memoria de familiares, amigos e veciños”.
Con estes traballos preténdese dar resposta á importante demanda de nichos existente desde hai moitos anos. Ao mesmo tempo, búscase frear o deterioro que supuxo a introdución dunha nova ringleira de túmulos entre os nichos xa existentes e que minguou a extensión de espazos verdes para os visitantes.
“É a maior ampliación do cemiterio en moitos anos e xa temos practicamente dispoñibles 1.500 novos nichos a través dun investimento de 1,3 millóns de euros”, informou o rexedor.
As obras que se están a efectuar “contan coa última tecnoloxía construtiva e permítennos ver máis espazos verdes que recuperar a esencia do cemiterio como foi programada inicialmente”, engadiu o alcalde.
Ademais, Rey Varela lembrou a recente adquisición dunha máquina multipropósito, cun investimento de preto de 80.000 euros. Esta permitirá completar tarefas de desenvolvemento habitual no camposanto, como levantar lápidas.
DISPOSITIVO ESPECIAL DE TRÁFICO CARA O CEMITERIO
O Concello de Ferrol estableceu un dispositivo especial de tráfico con motivo das festividades de Todos os Santos e Defuntos. Desenvolverase entre a mañá do venres 31 de outubro e a tarde do domingo 2 de novembro na contorna do cemiterio municipal de Catabois.

O obxectivo é facilitar os desprazamentos ao camposanto e garantir a circulación por unha das principais vías da cidade. Así pois, estará prohibido estacionar na estrada de Catabois, concretamente no tramo comprendido pola glorieta coa FE-13, que dá acceso ao hospital Arquitecto Marcide, e a entrada ao cemiterio. Esta medida permitirá empregar toda a calzada para habilitar un carril central de xiro que garanta a fluidez do tráfico.
Así mesmo, o aparcamento nas vías adxacentes que dan saída á explanada do recinto limitarase a unha soa marxe. Ao mesmo tempo, convértense en vías de saída de único sentido. Isto afecta á pista da parcelaria procedente da zona de Mandiá (dirección estrada de Catabois) e ao camiño da Pega (dirección hospital Naval). Todas estas medidas teñen un carácter xeral, de xeito que a aplicación das mesmas quedará supeditada á afluencia de público, factor que será valorado pola Policía Local.



