PUBLICIDADE

Teo aproba inicialmente a modificación da Ordenanza reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana

Imaxe do último pleno celebrado no Concello de Teo.

O Pleno do Concello de Teo aprobou onte de forma inicial a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana, é dicir, a taxa municipal para o servizo de recollida, transporte e tratamento de lixo e residuos sólidos.

Esta modificación será publicada no Boletín Oficial da Provincia por un período de 30 días. Tal e como explicou onte no Pleno a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, esta modificación é unha obriga imposta polo Goberno de España, que aprobou a Lei 7/2022, do 8 de abril, de Residuos e Solos contaminados para unha economía circular, a cal establece unha taxa “obrigatoria, diferenciada e non deficitaria”.

De non aplicar a dita modificación, o propio Ministerio de Hacienda advertiu mediante unha circular que os concellos poderían ser sancionados e imposibilitados para concurrir a subvencións públicas. Así, a ordenanza fiscal municipal modifícase para adaptala á dita Lei, a cal outorgaba un prazo ás entidades locais de tres anos dende a súa entrada en vigor para aprobar a correspondente ordenanza fiscal ou adaptar a existente.

PUBLICIDADE

O Concello de Teo esperou ata o último momento para facer este cambio, co fin de aliviar á veciñanza desta carga, pero pasado o tempo máximo cómpre proceder á modificación, o que conlevará unha suba importante da actual taxa do lixo. Esta suba, subliñou a rexedora, reflexarase no recibo do vindeiro ano.

En calquera caso, esta suba vén determinada por un estudo de custos solicitado polo propio Concello co fin de determinar as tarifas o máis axustadas posibles ao cumprimento do principio da Lei estatal, que non é outro que “quen contamina, paga”. Así, diferéncianse dous grupos principais de contribuíntes: as vivendas particulares e as que conlevan actividades económicas. No caso das primeiras, tívose en conta para a suba da taxa aquelas que teñen o servizo diario das que non o teñen.

No caso do segundo grupo, os negocios, pasan a calcularse por metro cadrado en lugar de por empregado. Porén, a nova ordenanza mantén a bonificación do 100% na cota para as vivendas particulares cuxos suxeitos pasivos se atopen en risco de exclusión social, previo informe favorable dos servizos sociais do Concello.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.