O Concello de Barbadás achegará 1.500 euros por colexio e 1.000 euros por ANPA. Así o estipulan os convenios renovados a través da Concellería de Educación para apoiar á comunidade educativa do municipio. En total, as arcas municipais destinarán 6.000 euros do orzamento a estas axudas, que pretenden mellorar a calidade educativa e facilitar a conciliación familiar.
Neste senso, a administración local achega axudas aos CEIPs Filomena Dato e Ruxidoiro e ás súas ANPAs, ademais da asociación do instituto Ferro Couselo, que se atopa fóra do municipio, pero é de referencia para o alumnado de Barbadás.
Este convenio económico destínase a apoiar a realización de actividades educativas e lúdicas que beneficiarán ao alumnado, mellorando a súa formación e a súa integración social. Actualmente 600 rapaces e rapazas están matriculadas nestes centros educativos. O obxectivo principal deste apoio é fomentar actividades como saídas didácticas, que permiten aos estudantes acudir a diversas actividades pedagóxicas fóra do municipio; e actividades de lecer, como as excursións de fin de curso.
SERVIZOS MUNICIPAIS NOS CENTROS EDUCATIVOS
A maiores, o Goberno local de Barbadás lembra outros servizos que melloran a conciliación familiar, como o “Bos Días Cole”. Este ano está atendendo a 158 nenos e nenas en horario de 7:30 a 9:15 da mañá, asumindo todas as solicitudes que se presentaron.
Outro servizo altamente valorado é o de “Mudas Escolares”, que permite ás familias unha maior flexibilidade para compaxinar a súa vida laboral e familiar. Esta é unha oferta única entre os centros de Galicia, xa que é atendida polo persoal do propio Concello e de balde. Ao rematar o xantar, o Concello tamén oferta actividades extraescolares ata as 16:30 horas, ampliando así as posibilidades de conciliación.
A segunda liña de colaboración do Concello no ámbito educativo son as axudas para a adquisición de material didáctico. Co obxectivo de que o alumnado dispoña dos recursos necesarios para o seu desenvolvemento académico, estas axudas chegan ata 100 euros por alumno en educación infantil. Nesta liña, para o alumnado de educación primaria existen outras axudas da Xunta de Galicia.
Nos últimos anos, o número de axudas concedidas aumentou, como tamén o fixo o importe das mesmas, que pasaron de 90 a 100 euros. Ademais, ampliouse o límite de renda para poder acceder a elas, collendo agora ata os 5.700 euros, co obxectivo de que un maior número de familias se poidan beneficiar desta axuda.