PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O barrio ferrolán de Canido contará cun novo parque canino

PorBisbarra

Martes, 12 Novembro 2024 , ,
O parque canino estará situado nunha parcela de 1.177 metros cadrados na rúa Manuel Arias.O parque canino estará situado nunha parcela de 1.177 metros cadrados na rúa Manuel Arias.

O Concello de Ferrol trasladará o actual parque canino do barrio de Canido. Así, pasará de estar na rúa Poeta Pérez Parallé coa rúa Coruña a unha parcela de 1.177 metros cadrados na rúa Manuel Arias. Así o avanzou a concelleira de Benestar Animal, Maica García, na comisión da área. “Somos conscientes da necesidade de crear espazos adaptados para que os veciños poidan acudir a pasear as súas mascotas, por iso en Canido ofrecemos un espazo máis amplo e axeitado ás demandas trasladadas”, indicou a edil.

O proxecto contempla un espazo verde valado de maiores dimensións ao actual, para que os cans poidan pasear libremente, sempre vixiados polas persoas propietarias. Polo tanto, procederase a desmontar o parque canino que hai na rúa Poeta Pérez Parallé con Coruña, retirando o peche perimetral, pero mantendo o mobiliario urbano; bancos, papeleiras e fonte.

Posteriormente procederase á execución do novo parque na parcela da rúa Manuel Arias, que está actualmente en desuso. As actuacións previstas contemplan o peche da parcela e acceso, instalación de dúas papeleiras, unha fonte de uso para persoas e cans, dous bancos e un cartel informativo para dar servizos aos usuarios do parque, así como máis puntos de luz. Tamén se instalarán unha serie de elementos de equipamento deportivo para o adestramento dos cans, conforme á Federación Canina Internacional.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Estas actuacións teñen un orzamento de licitación de 26.000 euros e nas próximas semanas resolverase o contrato de adxudicación.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.