PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Ribadavia acometerá obras urxentes no bombeo de Extramuros

PorBisbarra

Martes, 12 Novembro 2024 ,
Executaranse labores na Estación de Bombeo de Augas Residuais de Extramuros durante dúas semanas.Executaranse labores na Estación de Bombeo de Augas Residuais de Extramuros durante dúas semanas.

O Concello de Ribadavia iniciará nas próximas semanas un proxecto de limpeza e reparación na Estación de Bombeo de Augas Residuais de Extramuros. As actuacións nesta infraestrutura clave para o sistema de saneamento municipal serán costeadas pola administración local, cun orzamento de 111.482,71 euros e un prazo de execución estimado de dúas semanas.

A intervención responde á “situación crítica” detectada na última inspección. Nesta comprobouse que unha das bombas principais estaba fóra de funcionamento e o pozo de bombeo presentaba unha importante acumulación de sólidos. Esta situación supón un risco inminente de atasco e posibles verteduras ao río Avia, o que podería xerar graves problemas ambientais.

“Trátase dun investimento importante, pero necesario e urxente, xa que nos permitirá dar solución a un problema serio e que se vén arrastrando dende hai anos”, explica César Fernández, alcalde de Ribadavia. Con esta actuación, a EBAR quedará totalmente renovada e eliminaranse definitivamente os problemas existentes nese tramo da rede de saneamento municipal, segundo indicou o rexedor.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

ACTUACIÓNS NA ESTACIÓN DE BOMBEO

O proxecto inclúe varias actuacións principais. Por unha banda, instalarase un bypass temporal, que consiste na colocación dunha bomba mergullable para desviar o fluxo de augas residuais durante os traballos, evitando posibles verteduras. Así mesmo, tamén se levará a cabo unha limpeza en profundidade na que se procederá á retirada de residuos, así como do pozo de bombeo para mellorar o seu funcionamento.

Pola outra banda, contémplase a reparación e renovación de equipos, substituíndo as bombas danadas, ademais de renovar o sistema de guías e pedestais. Tamén se cambiarán as válvulas de peche e se acondicionará a caseta de bombeo.

Estas obras realizaranse mediante un procedemento de contratación aberto, no que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas. Na adxudicación valorarase varios criterios, como o prezo ofertado e a ampliación do prazo de garantía, establecéndose un mínimo dun ano para comprobar a calidade dos traballos executados.

O proceso de contratación tamén inclúe medidas para fomentar a inserción laboral, esixindo que a empresa adxudicataria contrate a un mínimo do 25% de persoas en situación de desemprego ou pertencentes a colectivos desfavorecidos.

Con este investimento e obra, o Concello de Ribadavia reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas de saneamento, co obxectivo de protexer o medio ambiente e garantir un servizo eficiente á veciñanza.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.