PUBLICIDADE

Barbadás practica a transparencia coa súa veciñanza

PorBisbarra

Mércores, 30 Abril 2025 , , ,
O alcalde de Barbadás explica na carta os ingresos e custe dos servizos do municipio.O alcalde de Barbadás explica na carta os ingresos e custe dos servizos do municipio.

O Concello de Barbadás fai un exercicio de transparencia a través dunha carta aos veciños e veciñas. Nesta misiva explícase o destino de cada euro ingresado nas arcas municipais e o custe de cada servizo. Este documento, asinado polo alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, vai acompañado dun folleto plasmando o destino dos cartos ingresados polo Concello de Barbadás a través de impostos directos e indirectos, taxas e prezos públicos, así como a diferenza entre esta contribución e o custe real de cada un dos servizos que presta a institución local.

A contribución media de cada veciño de Barbadás ás arcas municipais é de 0,96 euros ao día. Aínda así, segundo explican desde a administración local, o municipio conta cunha das carteiras máis amplas de servizos públicos de toda a provincia. En total, o Concello investirá 4,9 millóns de euros en prestacións. Entre estas salientan as máis básicas, como a iluminación pública ou a recollida de Residuos Sólidos Urbanos; ou outras tan demandadas como a Axuda no fogar, a Escola Infantil Municipal ou a Escola de Música.

Nesta liña, o Goberno local fai fincapé no esforzo para dar resposta ás necesidades da poboación, xa que a recadación é inferior ao gasto. Neste sentido, en 2024, Barbadás ingresou 3,9 millóns de euros a través de taxas e impostos municipais. De feito, o actual goberno local mantén desde a súa chegada, hai unha década, o compromiso de non incrementar os impostos, que seguen a estar ao mínimo do permitido pola lei.

PUBLICIDADE

No escrito dirixido á veciñanza, o rexedor explica o motivo da actualización da taxa do lixo, debido a unha directiva da Unión Europea que obriga a todos os concellos do país a equilibrar os servizos prestados. Aínda así, “en Barbadás implantamos unha fórmula máis xusta, social e sostible”, na que os que máis contaminan pagan máis.

O grupo de goberno agarda que a poboación entenda esta campaña de transparencia como un xeito de agradecer a achega de cada veciño e veciña ás arcas municipais. Así, conclúen que, sen as súas achegas, non sería posible contar coa ampla carteira de servizos públicos de Barbadás. “Non é ningunha milagre, é o esforzo da veciñanza”, resalta o alcalde.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.