O Concello de Barbadás ofreceu unha sesión formativa sobre compostaxe doméstica á veciñanza do municipio. Na xornada, celebrada no Centro Empresarial Transfronteirizo, entregouse de balde un composteiro, un aireador e manuais de compostaxe ás persoas asistentes.
Unha trintena de familias participou na formación, unha mostra do crecente interese da poboación pola xestión sostible dos residuos. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, estivo tamén presente na sesión. Alí destacou que máis de 300 fogares de Barbadás están inscritos actualmente no programa de compostaxe doméstico.
Así mesmo, o rexedor lembrou o compromiso do Goberno local coas políticas medioambientais e a importancia da reciclaxe e o aproveitamento dos residuos como materias primas. Nesta liña, destacou que este programa axuda a pechar o ciclo da materia orgánica dun xeito sostible e respectuoso.
Pola súa banda, Victoria Morenza, tenente alcalde, tamén estivo presente durante a formación. “Barbadás foi o primeiro concello da provincia en implantar o colector marrón”, recalcou. Este sistema de recollida de restos orgánicos para zonas urbanas está a funcionar na Valenzá e supera as 700 familias participantes, á espera dunha nova campaña de captación neste ano.
As persoas que non puideron acudir á xornada e estean interesadas en recibir un composteiro, poden solicitar máis información chamando ao teléfono 647 521 464 ou escribindo ao correo residuos@barbadas.es.
Esta campaña está financiada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.



