PUBLICIDADE

Barbadás sancionará á empresa do SAF con 12.000 euros

PorBisbarra

Mércores, 14 Xaneiro 2026 , ,
O Concello de Barbadás pecha o segundo expediente sancionador á empresa do SAF debido aos sucesivos incumprimentos do contrato.O Concello de Barbadás pecha o segundo expediente sancionador á empresa do SAF debido aos sucesivos incumprimentos do contrato.

O Concello de Barbadás pecha o segundo expediente sancionador á empresa do Servizo de Atención no Fogar (SAF), Osventos, debido aos sucesivos incumprimentos do contrato. Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de alegacións, dito expediente non recibiu ningunha por parte da adxudicataria, polo que agora será levado á Xunta de Goberno para a aprobación da proposta de resolución, que se traducirá nunha sanción de 12.000 euros. Mentres, o Concello busca fórmulas de mellora deste servizo, fundamental para a atención das persoas máis vulnerables.

As carencias no servizo –baixas e vacacións sen cubrir ou mesmo falta de profesionais cualificados– están a provocar o detrimento da atención ás persoas dependentes do Concello. Ante isto, o Goberno local iniciou dous expedientes. O primeiro non prosperou na vía xudicial por unha cuestión de prazos. Pola súa banda, o informe desta segunda sanción iniciouse nos primeiros días do pasado mes de agosto, despois de que numerosas familias presentasen queixas ante a falta de persoal e o empeoramento do servizo.

Este asunto foi obxecto de debate en pleno ordinario, no que o tenente alcalde, Daniel Rey, deu conta dos pasos dados polo Goberno municipal en relación ao SAF ante a moción do PSdeG para evitar os incumprimentos da empresa adxudicataria.

PUBLICIDADE

Rey recordou os numerosos requirimentos enviados a Osventos desde que se detectou o detrimento do servizo, así como as sancións e as peticións de reunións coa súa dirección para solucionar a situación. Por outra banda, puxo énfase no infrafinanciamento da administración autonómica e estatal, obrigadas por lei a asumir o 100% da atención a domicilio. “En Barbadás, o Concello financia o 58,7% do SAF, cando deberían encargarse a Xunta e o Goberno central xa que non é unha competencia municipal”, anotou.

Nos últimos meses, o goberno local reuniuse coa asociación galega sociosanitaria para coñecer a situación do sector, marcada pola falta de profesionais cualificados e as dificultades de contratación. Nesta liña, o Concello de Barbadás impulsará este ano un obradoiro de emprego sociosanitario, que facilite a formación e contratación de traballadores no municipio.

AUMENTO DA POBOACIÓN EN BARDABÁS

O pleno do Concello de Barbadás tamén aprobou en sesión plenaria a cifra de poboación a data 01/01/2025, que ascende a 11.201 habitantes. Trátase do padrón máis elevado da historia de Barbadás, o quinto concello máis poboado da provincia ourensá, só por detrás da capital, O Carballiño, O Barco e Verín. O Goberno local destacou a importancia de atraer poboación nun contexto demográfico adverso como o actual, no que os concellos galegos, e en especial os de interior, perden habitantes ano tras ano.

Porén, Barbadás rexistrou na última década un crecemento continuado da veciñanza, só interrumpido no 2021, ano posterior á pandemia, cun pequeno descenso. De feito, desde 2015, o municipio recibiu a preto dun milleiro de novos veciños e veciñas, o que dá conta da boa calidade dos servizos e prestacións municipais, así como da dinamización económica e social do concello.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.