PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Bardabás reordena o tráfico en tres rúas da Valenzá

PorBisbarra

Martes, 7 Xaneiro 2025 , ,
As rúas Carrís, Salgueiriños e Calzada Romana pasarán a ser de sentido único.As rúas Carrís, Salgueiriños e Calzada Romana pasarán a ser de sentido único.

O Concello de Barbadás reordenará o tráfico nas rúas Carrís, Salgueiriños e Calzada Romana, na Valenzá. Actualmente, as dúas primeiras son de dobre sentido de circulación, cun ancho inferior a 2,5 metros e con zona de estacionamento en ambas marxes.

Aínda que non existe unha normativa estatal específica para determinar os anchos das vías, as recomendacións estiman un ancho de entre 2,8 e 2,2 metros para garantir a funcionalidade e a seguridade viaria. Por este motivo, o Concello reordenará o tráfico nas rúas Carrís e Salgueiriños despois da proposta realizada pola Policía Local. Isto permitirá mellorar a seguridade viaria e conseguir unha circulación máis fluída.

Así mesmo, tal e como se indica no expediente da Policía Local, “esta ordenación tería tamén un efecto positivo na Avenida de Celanova, xa que gran parte dos vehículos que dende Ourense acceden á Valenzá cara a zona do Paseo dos Amieiros, Paz, Areal, etc. circularían por estas rúas ao ser máis seguras, aliviando así o tráfico pola Avenida de Celanova”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Deste xeito, a rúa dos Carrís pasará a ser nunha rúa de sentido único ascendente, da rúa Salgueiriños á rúa Areal. O estacionamento realizaríase en liña, como na actualidade, con prazas de dimensión de 2,2 metros de ancho en ambos marxes, quedando un carril de circulación duns 4 metros de ancho.

Para o caso da rúa Salgueiriños, converterase nunha rúa de sentido único descendente, da rúa Areal á rúa 17 de Maio, con estacionamento en liña cuxas prazas teñan 2,2 metros de ancho e cun carril de circulación de 4,6 metros de ancho.

RÚA CALZADA ROMANA

A reordenación afecta tamén á rúa Calzada Romana, que actualmente conta con dobre sentido de circulación en aglomerado asfáltico en bo estado de rodaxe. Non obstante, ten un ancho irregular e a beirarrúa está iluminada nunha soa marxe.

O seu escaso ancho nalgunhas zonas supón un perigo, especialmente nas fins de semana, xa que se trata da principal vía de acceso ao polideportivo e campo de fútbol, concentrando gran cantidade de tráfico cando hai competicións deportivas. De feito, en ocasións prohíbese temporalmente a entrada de vehículos dende o parque dos Patos ata o campo de fútbol.

Para solucionar esta situación, o Concello de Barbadás atenderá a recomendación da Policía Local de convertela permanentemente nunha vía dun só sentido de circulación en dirección sur-norte (dende o campo de fútbol ata o parque dos Patos). Ademais, contémplase instalar algún elemento redutor de velocidade para que, unha vez sexa de sentido único, ningún condutor aproveite a maior achura da vía para circular a máis velocidade.

Estas mudanzas, contempladas para as rúas Carrís, Salgueiriños e Calzada Romana, comezarán a aplicarse de forma paulatina a partir do día de Reis, a medida que se leven a cabo as modificacións precisas na sinalización viaria, tanto horizontal como vertical.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.