O Concello de Cabanas aprobou en sesión plenaria extraordinaria a participación no Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, indicando as actuacións e obras a realizar coa achega. O fondos do POS+2025 para Cabanas ascenden este ano a un total de 379.689,34 euros.
Así, o Goberno local destinará 143.433,21 euros, que supón o 38%, a financiar gastos correntes do consistorio municipal, especialmente o gasto en alumeado público e o Servizo de Axuda no Fogar. A achega restante, que ascende a 236.256,13 euros, será destinada a financiar a mellora de camiños e a ampliación de servizos básicos coma o saneamento.
INVESTIMENTOS CO POS EN CABANAS
Neste apartado, aprobouse levar a cabo a renovación do aglomerado en Salto de Abaixo e a ampliación do saneamento en A Barrosa, cun investimento de 49.244,96 euros. Tamén se estenderá un novo aglomerado nos camiños de Sanxiá, Teloi e Pereiro de Arriba, cun orzamento de 141.885,64 euros. Finalmente, destinaranse 45.125,53 euos á renovación do camiño na igrexa de Soaserra.
Asemade, o Concello de Cabanas tamén validou o Plan Complementario do ano 2025, que contempla levar a cabo a renovación dos camiños en Fontenova e en Fonfría, cun valor de 134.950,86 euros.
O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, indicou que coa participación no POS+2025, o Concello de Cabanas avanza na mellora do estado dos distintos camiños e vías municipais, á vez que se continúa aumentando os servizos básicos para a veciñanza. “Servizos coma o saneamento, o alumeado público ou o servizo de Axuda no Fogar, son unha prioridade ao garantir e mellorar as condicións de vida no noso concello”, asegurou o rexedor.