PUBLICIDADE

Ourense acollerá a I Feira de Educación en abril

A I Feira de Educacion terá lugar en Expourense o 2 e 3 de abril.A I Feira de Educacion terá lugar en Expourense o 2 e 3 de abril.

Ourense terá a súa I Feira de Educación no mes de abril, concretamente os días 2 e 3, grazas ao impulso da Xunta, a Deputación e Expourense. Así, converterase nun espazo de encontro único entre universidades e centros educativos. Asemade, servirá para poñer en valor o traballo colaborativo entre as Universidades e a Xunta de Galicia e dar continuidade á orientación académica, facilitando unha adecuada elección na toma de decisións sobre o futuro profesional do alumnado.

Neste sentido, as tres entidades asinaron o protocolo de colaboración para facelo posible. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o presidente provincial, Luís menor; e o xerente de Expourense, Rogelio Martínez, reuníronse para a sinatura.

O conselleiro de Educación sinalou que “o fin último é facilitar que o alumnado e familias coñezan a oferta educativa dispoñible, tanto universitaria como na FP ou nas ensinanzas artísticas e deportivas, de tal forma que teñan toda a información precisa para tomar decisións que serán fundamentais no seu futuro”.

PUBLICIDADE

Pola súa banda, Menor recalcou que esta iniciativa pioneira xorde da “cooperación institucional para ofrecer información á mocidade e orientación para o seu futuro”, ademais de ser un “moi bo escaparate para amosar todo o ben que fan, a nivel de proxectos, os centros educativos”.

Os obxectivos fundamentais desta feira serán fomentar o intercambio de experiencias, a aprendizaxe colaborativa, e o fortalecemento das relacións entre os diferentes niveis educativos. Así, promoverase a interacción entre universidades e centros educativos para fortalecer o desenvolvemento de boas prácticas pedagóxicas e a formación integral do alumnado.

Tamén buscará propiciar un encontro, onde universidades, centros de formación e outras institucións educativas, expoñan as súas ofertas académicas ao alumnado, familias e colexios, tratando de dar resposta ás necesidades de información sobre a oferta formativa e orientación.

Por último, tamén fixa como meta fomentar a colaboración entre docentes, estudantes e comunidades educativas para compartir experiencias, fortalecer o traballo en rede, crear un espazo de intercambio e impulsar a educación inclusiva e adaptada aos retos sociais e educativos do século XXI.

O presidente provincial, o conselleiro de Educación e o xerente de Expourense asinaron o protocolo para a Feira de Educación.
O presidente provincial, o conselleiro de Educación e o xerente de Expourense asinaron o protocolo para a Feira de Educación.

ACCIÓNS DOS ASINANTES

Tal e como expón o documento, a Deputación de Ourense será o representante institucional interlocutor con outras administracións, institucións, universidades, etc. Nesta liña, levará a cabo actuacións publicitarias e de difusión da Feira e aquelas actuacións necesarias para o seu desenvolvemento.

Pola súa banda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional elaborará o programa/contido da Feira, facilitando a participación dos centros educativos da provincia, así como a exposición de boas prácticas, prácticas innovadoras, conferencias e demais actividades no contexto da Feira.

Por último, Expourense será o organizador e xestor da Feira, facilitando as instalacións necesarias e poñendo á disposición todos os recursos materiais e humanos para o desenvolvemento da mesma.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.