O Concello de Cariño continúa co plan de renovación das vías do municipio, avanzando nas obras de pavimentación e mellora do camiño do Mazanteo, no lugar de Figueiroa. A actuación iniciouse fai unhas semanas e avanza a bo ritmo. Dende o Gobierno municipal agardan que rematen en poucos meses, xa que restan os últimos tramos por asfaltar.
Esta intervención céntrase na pavimentación do terreo e na súa mellora, cun prazo de execución previsto de catro meses. Está financiada con fondos de Agader, dentro del Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024-2025, contando cun orzamento total de 60.924,33 euros.
O camiño do Mazanteo, localizado na parroquia da Pedra, estaba moi desgastado polo paso do tempo. Con esta actuación, o executivo, liderado por Ana María López, pretende mellorar as comunicacións e a vida diaria da veciñanza da zona.
“Dende o Concello de Cariño traballamos para axudar aos nosos veciños e veciñas prestando atención non só ao núcleo do municipio, senón tamén ás nosas parroquias e núcleos de poboación de carácter máis rural”, afirmou a rexedora. Asemade, avanzou que nos próximos meses acometeranse máis actuacións en varias zonas do municipio.