A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou as actuacións de loita contra a erosión nas praias de San Xurxo e Esmelle. Forma parte do proxecto da Demarcación de Costas na costa da Coruña para a protección de espazos dunares.
“Executaranse unha serie de recomendacións que consisten, principalmente, nunha reordenación dos camiños de acceso establecidos ao longo de todo o sistema dunar para mellorar a compatibilidade do uso lúdico da praia coa protección dos seus valores ambientais”, avanzou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
Dende o punto de vista urbanístico, non se prevé ningunha afección á planificación en vigor do termo municipal de Ferrol.
ACTUACIÓNS DO PROXECTO
As actuación nos areais contemplan unha reordenación de accesos, mantendo cinco. Así, concentrarase o tránsito nos puntos que xeren unha menor afección e limitarase a mobilidade fóra das zonas habilitadas.
Neste sentido, na zona norte está prevista a reparación da pasarela de madeira que une o aparcadoiro de vehículos e a caseta de socorrismo. Así mesmo, plantaranse especies autóctonas, como no caso do acceso que vai dende a desembocadura do rego O Xuncal en San Xurxo. Ademais, instalaranse postes de madeira unidos entre si cun cordón e un peche cinexético xunto á estrada para evitar o paso peonil.
No tocante á zona centro, comprendida entre San Xurxo e Esmelle, quitarase a pasarela de madeira para revexetar esa zona con especies dunares. Asemade, está prevista a instalación dunha pasarela de madeira na zona da escola de windsurf, que sirva como acceso ao areal.
Por último, na zona sur acondicionarase o acceso á praia situado na zona do río. Demoleranse os postes de formigón e acondicionarase o acceso que vai por detrás do aparcamento para tránsito peonil. A maiores, retirarase a sinalización e cartelaría informativa actual e colocarase outra nova.
“Agradecemos á Demarcación de Costas este proxecto, é un exemplo máis de colaboración entre dúas administracións”, manifestou o rexedor ferrolán. Estes traballos, que licitará a Demarcación, teñen un prazo de execución de dous meses.




