O Ministerio de Transición Ecolóxica saca a licitación os “Servizos para o cumprimento do programa de vixilancia ambiental, control e vixilancia” do proxecto de rexeneración ambiental da praia da Madalena. O orzamento deste traballo é de 337.699,90 euros e abrangue tarefas antes, durante e despois da execución das obras. Estes consistirán na realización de controis e medicións para garantir o cumprimento dos parámetros establecidos na Declaración do Impacto Ambiental.
O goberno local de Cedeira celebra o avance cara realización desta actuación, que se adxudicou recentemente por 2,2 millóns de euros. Esta nova licitación da vixilancia ambiental responde á especialización das tarefas a realizar. Neste sentido, o programa da actuación considera contar cunha consultora especializada que complementará o labor da dirección de obra. Non obstante, as actuacións que afectan ao areal realizaranse fóra da campaña de verán para non interferir na tempada de máis afluencia.
O proxecto de rexeneración da praia da Madalena, asumido polo Ministerio de Transición Ecolóxica, pretende dar unha resposta definitiva aos desequilibrios que desde hai anos sofre o areal e o seu sistema dunar. A intervención inclúe a construción dun espigón de 77 metros para asegurar a estabilidade da liña de costa fronte aos fenómenos erosivos. Así mesmo, procederase á repoboación da zona con vexetación autóctona para conservar a potenciar a diversidade deste espazo e os lindeiros, incluída a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira. Tamén se mellorará a canalización da desembocadura do río Condomiñas e do regato da Veiga.