O Concello de Cedeira adxudicou por 76.621,64 euros as obras de mellora da capa de rodaxe de dous camiños de titularidade municipal. Trátase do camiño entre Meizoso a Biduido e o ramal que conecta Meizoso coa DP-2205, na parroquia de Régoa. A actuación estará financiada na súa maioría pola AGADER, que achegará 64.170,72 euros; e completarase con recursos municipais.
O camiño de Meizoso a Biduido percorre 2,9 quilómetros, cun ancho de entre 3 e 3,5 metros. Pola súa banda, o ramal de Meizoso ata a estrada provincial ten 700 metros de lonxitude e un ancho de tres metros. Ambas vías presentan un importante grao de deterioro, polo que a súa mellora resulta prioritaria.
A actuación vai consistir na limpeza e perfilado dos foxos, así como nunha escavación na zona de mordentes á saída de Meizoso en dirección a Biduido, na marxe dereita. Así mesmo procederase á construción dunha gabia de formigón nunha zona da Condocia para canalizar un efluente que corre ao lado do camiño. A continuación, farase o recheo de fochancas e finalmente un dobre tratamento superficial para darlles aos camiños unhas condicións máis acordes ao tráfico que soportan.