PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Cedeira solicitará máis de 117.000 euros á Deputación para emprego e promoción económica

Cedeira preséntase, entre outros, ao programa PEL Concellos 2025 para contratar a tres peóns e unha persoa de limpeza.Cedeira preséntase, entre outros, ao programa PEL Concellos 2025 para contratar a tres peóns e unha persoa de limpeza.

A xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou na última sesión de 2024 solicitar á Deputación da Coruña subvencións por un importe de máis de 117.000 euros. Esta cifra adicarase á creación e mantemento de emprego e o desenvolvemento de actividades de promoción económica.

Un dos programas de axudas provinciais aos que se acolle o Goberno cedeirés é o de limpeza de praias. Así pois, acordouse presentar a solicitude para a contratación dunha cuadrilla de catro peóns a media xornada durante tres meses na campaña de verán. O custo das súas retribucións é de 16.498,74 euros que, en función das bases da convocatoria provincial, poderá ser cuberto ao 100%.

Así mesmo, o Concello de Cedeira concorrerá un ano máis ao programa PEL Concellos 2025, dirixido a fomentar a contratación de persoas con especiais dificultades de inserción laboral. Solicítanse neste caso 46.000 euros para cubrir máis do 90% do custo de crear tres empregos de peón e un de limpador/a, con xornada completa e durante seis meses. O importe laboral total é de 50.223,42 euros.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A maiores, a xunta de Goberno local aprobou acollerse ao programa para o mantemento de persoal nas oficinas de turismo de localidades con menos de 50.000 habitantes. Neste caso solicítanse 20.000 euros, o máximo establecido na convocatoria. Con esta cifra sufragarase parte das retribucións dunha informadora turística a xornada completa, que ascenden a 40.911,90 euros ao ano.

Na mesma sesión acordouse tramitar un ano máis a axuda para a contratación de persoal técnico deportivo. Neste senso, solicítanse 5.000 euros para sufragar unha xornada completa durante seis meses, cuxo importe total é de 18.135,48 euros.

A estas axudas directamente vencelladas coa creación ou o mantemento do emprego engádese outra ligada á promoción económica. Así, o Goberno local cedeirés acordou acollerse a outra convocatoria da Deputación da Coruña para pagar preto do 78% do investimento de 38.000 euros realizado na campaña de Nadal. Nesta inclúese a decoración, publicidade, contratación de actuacións musicais e a carpa para as festas, así como a cartelaría e as rifas do sorteo de dinamización do comercio local.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.