Este sábado, 11 de xaneiro, Cobre San Rafael levará a súa unidade móbil informativa á feira de Oroso (Sigüeiro), onde veciñas e veciños poderán coñecer de primeira man as oportunidades laborais vinculadas ao proxecto de reactivación da mina de Touro-O Pino, que actualmente se atopa en fase de exposición pública.
A unidade móbil estará aberta durante toda a mañá no recinto feiral para ofrecer información personalizada sobre os perfís profesionais que se buscan e os próximos procesos de selección. Ademais, permitirá recoller currículos de todas aquelas persoas interesadas en formar parte dun proxecto que prevé crear máis de 400 empregos directos a longo prazo, en condicións de xornada completa e cunha aposta clara polo desenvolvemento sostible.
Un motor para o desenvolvemento local
Cobre San Rafael busca profesionais en áreas como operacións mineiras, seguridade, mantemento industrial, xestión ambiental e administración, entre outras. O compromiso da compañía coa formación é un dos seus piares fundamentais, xa que ofrece programas específicos que aseguran o desenvolvemento profesional e laboral dos seus empregados, sempre baixo os máis altos estándares de seguridade.
Nos primeiros quince meses de actividade, espérase a creación de 800 empregos directos, unha cifra que se ampliará ata os 1.600 postos de traballo entre directos, indirectos e inducidos a longo prazo. Este impacto laboral será complementado cunha importante contribución económica ao tecido local, así como coa mellora de infraestruturas na zona.