Un total de 4.038 nenos/as e mozos/as do concello de Ames están escolarizados nos centros de ensino do concello de Ames para o curso 2024-2025. Deste xeito, 2.357 alumnos/as están matriculados en escolas e colexios públicos de infantil e primaria, mentres que 1.358 rapaces e rapazas están matriculados en secundaria nos dous institutos amesáns. Ademais, hai que engadir os 323 rapaces e rapazas que cursan estudos de infantil, primaria e secundaria no colexio Alca, o único centro concertado do concello. Previamente, durante os meses de verán, no marco do plan de mantemento estival que se realiza todos os anos, o Concello executou diversos traballos de mantemento e reparación nos centros escolares do municipio nos que se investiron máis de 80.000 euros.
Botou a andar o curso escolar 2024-2025 nos centros escolares de infantil, primaria e secundaria. O inicio do curso comezou con normalidade en todos os centros de ensino do municipio. A Policía Local realizou un operativo especial co obxectivo de regular o tráfico nas entradas dos colexios. Os colexios, a escola de educación infantil do Milladoiro, as escolas unitarias e mailos institutos abriron as súas portas con total normalidade. Neste curso escolar, que vén de comezar nos centros de Ames, hai escolarizados 3.714 nenos/as e mozos/as que cursarán estudos de infantil, primaria e secundaria.
O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Educación, Carmen Porto, e maila concelleira de Benestar Social, Uxía García, estiveron no CEIP Agro do Muíño xunto á directora deste centro educativo, María Carmen Liñares, coa cal estiveron conversando e vendo distintas instalacións do colexio. A directora do centro aproveitou para ensinarlles ao alcalde e concelleiras unha parte do novo edifico que está construíndo a Xunta de Galicia para ampliar este CEIP.
A concelleira de Educación, Carmen Porto, explica que “achegámonos ata o CEIP Agro do Muíño para acompañar aos máis cativos na volta ao cole e para ver de primeira man como están a avanzar as obras de ampliación que se están a levar a cabo neste centro educativo. Está previsto que rematen a finais de mes, pero comprobamos que os nenos e nenas xa están desexando estrear as novas aulas e o comedor.
O crecemento da poboación de Ames ten que vir acompañado de melloras dos servizos educativos e de conciliación“
Ademais, apuntou en relación á recente licitación do novo centro do Milladoiro, a concelleira afirmou que a súa construción responde ao feito de que Ames é o concello máis novo de Galicia: “O crecemento da poboación de Ames ten que vir acompañado de melloras dos servizos educativos e de conciliación, para cubrir as necesidades das familias amesás e ofrecerlles unha educación pública de calidade”.