Será o eixo temático da primeira xornada de márketing deportivo do centro de formación profesional para inaugurar o curso do ciclo superior de márketing
O presente e o futuro do márketing deportivo será o eixo, no EFA Piñeiral de Arzúa, da I Xornada de Márketing Deportivo. Esta iniciativa forma parte das actividades de inicio do curso académico do ciclo superior de márketing e publicidade do centro de formación profesional arzuán.
Con obxectivo de se converter nunha cita anual de referencia para os profesionais e afeccionados ao deporte, o alumnado e técnicos de comunicación e do márketing, a primeira edición da Xornada de Márketing Deportivo desenvolverase o vindeiro luns 16 de setembro, dende as 10:00 ás 14:30 horas. A xornada que é gratuíta e aberta a profesionais, estudantes e público en xeral, conta cun número de prazas limitado. Os interesados en asistir deberán rexistrarse a través do correo electrónico pineiral@pineiral.es, do teléfono 981 500 580 ou ben enviando un Whatsapp ao 676 260 196.
Jessica Rey, directora de márketing e comunicación de CLUN, será a encargada de abrir esta primeira edición (10:00 horas) coa palestra Unha marca ligada ó campo de xogo. De seguido, contra ás 10:45 horas, A carreira do márketing deportivo será o tema central da disertación de Daniel Agra, de LAD Sport Consulting, e que dará paso a Mesa de Experiencias que contará cos representantes de Toldos Gómez e Queixería Barral, que moderará Jesús Carballo, director deportivo do equipo Cortizo Club Ciclista Padronés, e na que se afondará no apoio das empresas no eido deportivo: A aposta polo deporte, unha aposta segura.
Unha vez rematado o descanso, no que os participantes poderán desfrutar dun café e dun aperitivo, será a quenda da conferencia profesional deportivo (12:30 horas) e da de peche (13:15 horas), antes da clausura desta I Xornada de Márketing Deportivo.