O Concello de Ferrol convoca oito prazas de bombeiro condutor, persoal funcionario de carreira, mediante o sistema de oposición. A concelleira de Recursos Humanos, Susana Sanjurjo, informou das bases que rexerán a convocatoria. Serán postos do Grupo C, subgrupo C2. Así, a edil insistiu en que o obxectivo é mellorar a atención á veciñanza, ofrecendo “efectivos dispoñibles para atender as súas necesidades”.
Entre as funcións a realizar recóllense as xerais que figuran na lexislación do servizos. Entre outras, extinción de incendios forestais, urbanos, rurais e industriais; excarceración en accidentes de tráfico, ferroviarios e aéreos; rescates verticais e evacuacións, urxencias con mercadorías perigosas, retirada de elementos perigosos, procura de vítimas de catástrofes, rescate de animais ou asistencias técnicas en tubaxes principais.
As solicitudes presentaranse preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica do Concello de Ferrol. Poderán tamén presentarse en calquera das formas que determina o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas. Neste caso, poderase descargar o modelo oficial de instancia na sede electrónica. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio do extracto da convocatoria no BOE. As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia e o anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado.
“O traballo feito neste ano empeza a dar resultados”, afirmou a concelleira. “Estamos empezando a dotar de persoal ás áreas do concello, como demostramos agora neste proceso de bombeiros, tan importante para a cidade”. Así, o parque de bombeiros, que conta na actualidade con 41 efectivos, aumentará o cadro de persoal con oito profesionais máis. Isto supón un aumento dun 20% no número de bombeiros do Concello de Ferrol.
“A través desta convocatoria amósase o compromiso do Goberno local de seguir traballando para dotar do persoal necesario os servizos do concello, e seguiremos nesta liña, xa que queda moito traballo por facer”, garantiu a concelleira de Recursos Humanos.