A Taberna Bon Pé, que participou por primeira vez no certame despois da súa apertura o pasado verán, gañou co seu petisco ‘Mar e montaña de porco celta, centola e boletus’
A Taberna Bon Pé vén de proclamarse gañadora do certame, organizado polo Concello de Cedeira, Tapas de Outono co seu petisco Mar e montaña de porco celta, centola e boletus. O concurso, que promoveu o Concello para dinamizar a hostalería local e contribuír a poñer en valor o seu bo facer, desenvolveuse os días 29, 30 de novembro e o 1 de decembro.
O petisco da Taberna Bon Pé, restaurante que se concurriu por primeira vez ao concurso despois da súa apertura este pasado verán, foi o elixido entre os dez presentados ao certame Tapas de Outono e que foron, ademais da gañadora: A Finca, A Nogueira, Pizzería O Sherif, Mástil, Taberna Praza do peixe, Galifornia, O Mesón, O Amanexo Gastrobar, Brisa e Alitas.
O Mesón, coa súa tapa Albóndega en salsa carrillera, crema de piquillo e bola á sartén, levouse o segundo premio dun concurso que, segundo indicou a concelleira de Emprego e Promición Económica, Manuela López, destacou pola súa gran acollida “con moitísima xente” degustando os petiscos, chegando algún dos locais a vender preto de 1.000 unidades.
O terceiro premio do concurso Tapas de Outono 2024 de Cedeira foi para o petisco Carrillera de frisona style, elaborada polo Amanexo, e que completou o cadro de vencedores. Ademais, como en anteriores edicións do certame, o público tamén tivo o seu premio, e entre todas as persoas que emitiron os seus votos, en total 360 papeletas, sorteouse unha cea para dúas persoas no local gañador.