O 38º Memorial Adolfo Ros – Volta á Ría, que organizan os concellos de Narón, Ferrol, Neda e Fene, contou cun total de 800 persoas inscritas
O 38º Memorial Adolfo Ros – Volta a Ría, unha das probas con máis sona das carreiras que se disputan na comunidade e unha das máis importantes da comarca de Ferrolterra, corou na categoría absoluta desta nova edición a Ana Belén González Margaride (Begonte) e a David Fernández Ginzo (Valdés).
O Memorial Adolfo Ros, que organizan conxuntamente os concellos de Narón, Ferrol, Neda e Fene, contou cun total de 800 persoas inscritas nas diferentes categorías (Absoluta, Peques, de Sub-8 a Sub-18 e Discapacidade). Os participantes no grupo absoluto tiveron que completar un percorrido dun total de 10 quilómetros.
A gañadora desta 38ª edición do Memorial Adolfo Ros, Ana Belén González, subiuse ao máis alto do podio parando o crono en 00:41:37 minutos, superando na liña de meta á coruñesa Inés Iglesias (00:41:39 minutos), segunda, e á corredora do Opa Ferrol Team Running, Helena Peñas (00:42:49 minutos) e que completou o podio feminino.
O corredor de Valdés, David Fernández Ginzo, conseguiu o triunfo na categoría absoluta masculina completando os 10 quilómetros de percorrido cun tempo de 00:31:49 minutos, por diante de Juan Rejas (Club Triatlón Ferrol) que foi segundo con 00:32:18 minutos e de Andrés Campos que finalizou terceiro con 00:33:08 minutos.