A Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol contará cun orzamento de 1.811.052,09 euros para o 2025. Así o comunicou o presidente da Mancomunidade, José Manuel Rey Varela, tras o pleno do organismo. Este orzamento conta co informe favorable da Intervención e increméntase en 288.774,96 euros con respecto ao de 2024. É dicir, medra nun 18,97%, xa que aumenta a previsión de ingresos, fundamentalmente gracias ás subvencións obtidas pola Mancomunidade.
En canto ao capítulo de transferencias correntes, increméntase en 35.000 euros, o que supón un 34,32% máis respecto do exercicio anterior. Neste sentido, constitúe un 7,56% do orzamento total, consignando o crédito necesario para a achega ao Concello de Ferrol para financiar os gastos da Casa de Acollida nos termos reflectidos no convenio asinado co citado concello.
Con respecto ao capítulo de investimentos reais, por importe de 120.581,57 euros, destinarase para a execución das obras no refuxio de Mougá, financiadas polas achegas ordinarias dos municipios que conforman este organismo supramunicipal.
Tras a aprobación inicial do orzamento polo pleno, publicarase no BOP para abrir un prazo de exposición pública durante 15 días para poder presentar alegacións. O pleno disporá dun mes para resolver ditas alegacións e despois aprobarase definitivamente.