A antiga Fábrica de Papel do Carballiño acolleu a xornada “Emprendedoras na Fábrica”, unha iniciativa coorganizada pola Deputación de Ourense e a Asociación de Novos Empresarios (AJE). O obxectivo é dar visibilidade, fortalecer e crear sinerxías entre mulleres emprendedoras da provincia.
A xornada incluíu mesas sectoriais con preto de 30 mulleres beneficiarias do programa EmprendOU. As participantes compartiron as súas experiencias emprendendo en distintos ámbitos. Tamén interviñeron empresarias de AJE e celebrouse un obradoiro sobre presenza dixital e comunicación nas novas empresas.
O presidente da Deputación de Ourense destacou na inauguración a tripla satisfacción que supón celebrar este encontro: “Pola recuperación deste edificio histórico, pola cooperación entre institucións e colectivos, e polo compromiso da Deputación co emprendemento en feminino”.
Luís Menor salientou que esta xornada exemplifica un dos piares do goberno provincial: a cooperación. “Queremos ser unha administración aberta e colaboradora, que escoite as demandas da sociedade e responda con axilidade e compromiso”, afirmou. O presidente subliñou tamén a importancia da colaboración coa AJE, “como mostra do traballo conxunto entre administración e tecido empresarial”, e o valor de visibilizar o liderado feminino dentro do movemento asociativo.
EMPRENDOU EN FEMININO
Durante o acto, Menor informou dos resultados da recente convocatoria do programa EmprendOU en feminino, que pechou o prazo de solicitudes o pasado 15 de outubro. Presentáronse un cento de proxectos empresariais iniciados por mulleres residentes en máis de 50 concellos da provincia. Destas, 74 cumpriron todos os requisitos e recibirán a axuda provincial nas próximas semanas.
“O noso obxectivo é ser unha administración áxil e eficaz: en menos de dez días hábiles desde o peche do prazo, todos os expedientes foron comprobados e aprobados pola Xunta de Goberno”, explicou o presidente.
Luís Menor adiantou ademais que a Deputación incorporará a partir de 2026 unha partida anual específica para apoiar as mulleres emprendedoras, garantindo a continuidade destas axudas nos vindeiros exercicios. “As beneficiarias do programa seguirán recibindo cada ano o 50% do Salario Mínimo Interprofesional, sempre que manteñan a súa actividade empresarial”, sinalou.



