O Concello de Trazo levou a cabo unha importante actuación de mellora da rede viaria e construción dun muro de contención na estrada que conecta Berreo coa parroquia de Vilouchada, cun investimento total superior aos 120.000 euros.
A intervención tivo como obxectivo incrementar a seguridade viaria e garantir a estabilidade da vía, especialmente nun tramo con forte pendente e risco de desprendementos. As obras incluíron o reforzo do firme, a mellora da drenaxe e a execución dun muro de contención de reforzo, asegurando a durabilidade e o bo estado da infraestrutura.
A alcaldesa de Trazo, Fina Suárez, destacou que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local de mellorar as comunicacións entre as parroquias e reforzar a seguridade nas estradas municipais, lembrando que “investir en infraestruturas é investir no benestar e na tranquilidade da veciñanza”.
Esta obra en Berreo súmase ás diferentes melloras viarias realizadas polo Concello en distintas zonas do municipio, dentro dunha estratexia de modernización e mantemento das vías rurais, co obxectivo de ofrecer uns desprazamentos máis seguros, cómodos e eficientes.




