PUBLICIDADE

San Sadurniño devolverá entre 9 e 13 euros do recibo do lixo

PorBisbarra

Mércores, 5 Novembro 2025 , ,
Non se aplicou a bonificación do 10% aprobada polo Concello de San Sadurniño, polo que se devolverán 9 ou 13 euros segundo o caso.Non se aplicou a bonificación do 10% aprobada polo Concello de San Sadurniño, polo que se devolverán 9 ou 13 euros segundo o caso.

A maior parte da veciñanza de San Sadurniño ten xa na casa o recibo do lixo, calculado cos prezos fixados na ordenanza aprobada hai un ano. As tarifas sitúanse en 90 euros anuais nas vivendas unifamiliares cunha recollida semanal e en 130 euros nas que o camión pasa dúas veces. Porén, debido a un erro na emisión dos recibos, non se aplicou a bonificación do 10% aprobada pola administración local, polo que se devolverán 9 e 13 euros segundo o caso. Dende o Concello de San Sadurniño salientan que será necesario facilitar un número de conta para o ingreso.

As persoas que teñan o recibo domiciliado non terán que facer nada, xa que a devolución se fará efectiva directamente na conta bancaria asociada á domiciliación. Pola contra, as que paguen o recibo acudindo ao banco ou por transferencia electrónica deberán aboar o importe completo que aparece na carta de pagamento (90 ou 130 euros). A continuación, deberán solicitar a devolución da diferenza. Esta fórmula permite axilizar o proceso e evitar o retraso e os custes que suporía anular e volver emitir todos os recibos.

SAN SADURNIÑO OFRECE DÚAS OPCIÓNS PARA A DEVOLUCIÓN

O Concello de San Sadurniño ofrece dúas opcións para solicitar a devolución. A primeira, presentar na Sede Electrónica ou no Rexistro municipal unha solicitude xenérica, indicando o número do recibo xa pagado e achegando un certificado de titularidade da conta bancaria.

PUBLICIDADE

No tocante á segunda opción, acudir en persoa ao Rexistro municipal en horario de mañá co recibo pagado e un documento onde consten os datos da conta da persoa titular do servizo. Pode ser a libreta do banco, un certificado ou outro recibo. Deste xeito, o Concello poderá facer o ingreso directamente despois das comprobacións oportunas.

O Goberno local incide na importancia de pagar o recibo polo importe completo -90 ou 130 euros-, xa que só así se poderá tramitar a devolución correspondente de 9 ou 13 euros. Non se debe acudir ao Concello sen ter realizado antes o pagamento, xa que se non se poderá practicar a devolución.

As solicitudes deben presentarse preferiblemente dentro do período voluntario de pagamento, que remata a finais deste mes. Non obstante, o Concello asegura se podería pedir a devolución ata mediados de decembro. Cómpre ter en conta que os recibos que pasen ao período executivo xa se emitirán cos importes correctos, pero levarán o recargo que lles corresponde polo atraso.

Desde o Concello de San Saduriño pregan desculpas polos inconvenientes ocasionados polo erro, producido durante a carga dos padróns que xestiona a Deputación da Coruña como entidade encargada da recadación do lixo e doutros impostos municipais. Para calquera aclaración sobre como proceder coa devolución, pódese chamarse ao 981 490 027 ou achegarse ás oficinas municipais en horario de mañá.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.